A Xunta resalta a importancia do emprendemento de empresas como Lucus Padel para activar e consolidar novas iniciativas entre pemes e autónomos de Lugo

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, visitou hoxe, no polígono das Gándaras, este proxecto empresarial posto en marcha a comezos de 2020 co apoio do programa Galicia Emprende

Salienta que esta liña ten permitido impulsar ata o de agora 88 iniciativas na provincia por un importe de máis de 5 millóns de euros, ás que se suman 41 novas empresas non agrícolas a través de Galicia Emprende Rural

Lugo, 22 de decembro de 2021

O director do Instituto Galego de Promoción Económico (Igape), Fernando Guldrís, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe no polígono das Gándaras as instalacións de Lucus Padel, un proxecto posto en marcha a comezos de 2020 co apoio do programa autonómico Galicia Emprende. Unha empresa que ofrece, ademais das instalacións para a práctica deportiva, unha escola que suma 230 alumnos de diferentes idades.

Neste marco, Guldrís salientou a importancia do emprendemento para activar e consolidar novas iniciativas entre pequenas e medianas empresas e autónomos da provincia. Unha aposta na que, como afondou, xogan un papel decisivo proxectos como Lucus Padel e programas como Galicia Emprende.

A través desta liña, o Goberno galego ten permitido impulsar ata o de agora 88 iniciativas na provincia por un importe de máis de 5 millóns de euros. “O programa Galicia Emprende, como pon de manifesto Lucus Padel, favorece a xeración de emprego de calidade a través da creación de empresas e da consolidación de novas compañías por parte de autónomos e emprendedores”, explicou.

Esta iniciativa compleméntase con outras accións, como o Galicia Emprende Rural, deseñado para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas sobre o territorio. Este programa, na provincia, suma desde a súa posta en marcha outras 41 iniciativas emprendedoras xa impulsadas.

No marco desta aposta polo emprendemento, Guldrís fixo referencia aos espazos de coworking impulsados pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do Igape en colaboración coa Escuela de Organización Industrial (EOI). Uns proxectos que permitiron promover ata o de agora preto dun cento de iniciativas emprendedoras en Lugo.
Estes lugares de traballo terán un novo pulo na provincia no primeiro trimestre do vindeiro ano, activándose nas comarcas da Ribeira Sacra (con sede en Monforte de Lemos) e A Mariña (en Mondoñedo) e no concello de Palas de Rei, vinculado neste caso ao Camiño de Santiago. Os coworkings da Xunta teñen como obxectivo principal que os emprendedores poidan poñer en marcha os seus proxectos empresariais.

Imaxes relacionadas