A Biblioteca da Xunta en Ourense acolle a mostra en homenaxe a Xela Arias ‘Tigres coma cabalos‘

O secretario xeral de Política Lingüística e o delegado da Xunta en Ourense inauguraron hoxe a exposición itinerante promovida polo Goberno galego, que se exhibiu previamente en Vigo e Santiago de Compostela

Componse de 48 paneis que combinan fotografías de Xulio Gil e textos da escritora homenaxeada, recuperando o poemario icónico homónimo 31 anos despois
 

Ourense, 21 de decembro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na Biblioteca da Xunta en Ourense Nós na inauguración da mostra en homenaxe a Xela Arias Tigres coma cabalos. A exposición itinerante promovida polo Goberno galego no marco da programación institucional das Letras Galegas 2021 permanecerá no espazo ourensán ata o 15 de xaneiro, tras o seu paso polo Museo do Mar de Galicia, en Vigo, e o Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referiuse á relevancia da mostra, ao afondar no “carácter transgresor, valente, vangardista e anovador da obra dunha poeta que lle axudou á cultura galega a renacer cara á modernidade”. Segundo sinalou, con esta iniciativa recupérase 31 anos despois “unha das obras máis emblemática e vangardista de Xela Arias, realizada en colaboración co fotógrafo Xulio Gil”. Fixo fincapé ademais no “carácter pioneiro do proxecto creativo desenvolvido por ambos os dous artistas” a partir dos seus respectivos traballos poéticos e fotográficos.
A partir de 24 obras individuais iniciais, cada artista traballou sobre as pezas do outro ata acadar dúas ducias máis de creacións. Así, a exposición componse de 48 paneis que recollen este resultado combinatorio de textos e imaxes. Os propios autores salientaron xa desde o primeiro momento a independencia dos traballos na súa orixe e o proceso de intercambio creativo posterior, incidindo en que non se trata nin de pés de foto nin de ilustracións ao texto.
Un percorrido guiado polo autor da mostra, Xulio Gil, completou o acto inaugural de hoxe, ao que tamén asistiron o asesor en materia educativa no concello de Ourense, Aníbal Pereira; o fillo da escritora, Darío Gil, e Xosé Manuel Aldea, director da editorial Ouvirmos.

Prolongación da homenaxe

Con esta exposición itinerante, a Xunta prolonga no tempo e no territorio a homenaxe a Xela Arias. Ademais, a mostra acompáñase dunha reedición da obra do mesmo nome en formato catálogo.

Por outra banda, cómpre lembrar que no marco da programación institucional das Letras Galegas 2021 a Xunta promoveu outra exposición itinerante en homenaxe a Xela Arias, Asinamos ser libres, que percorreu unha ducia de espazos galegos ao longo do ano. Entre eles tamén estivo a Biblioteca Nós de Ourense, que acolleu a mostra do 15 de outubro ao 7 de novembro. Esta ampla programación desenvolvida é froito da colaboración entre as institucións e a familia da autora.