A conselleira de Política Social, Fabiola García, respondeu no pleno do Parlamento galego a unha interpelación sobre esta prestación

A Xunta incrementa nun 82% o orzamento destinado a atención temperá para mellorar o servizo e abrir novas unidades

Os fondos para o ano 2022 ascenderán a 6,2 millóns, o que permitirá chegar ás 50 unidades de atención

O Goberno galego mellorará o servizo ao financiar o 100% das horas prestadas e ao incrementar nun 5% o prezo por hora

O Goberno galego mantén un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Atención Temperá para manter as unidades do Deza, Bergantiños e a comarca do Salnés, que dan cobertura a 22 concellos

Tamén financia a posta en marcha doutras 33 unidades municipais que dan cobertura a 145 concellos e atenden a máis de 2000 nenas e nenos de 0 a 6 anos

Fabiola García sinala que a colaboración da Xunta coas entidades sociais e locais permitiu que este servizo se convertera nos últimos anos nunha prestación de proximidade

Lembrou que este ano impulsouse un Plan de formación destinado aos profesionais do sector para mellorar a calidade do servizo e unificar criterios de atención

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, respondeu esta tarde no pleno do Parlamento galego a unha interpelación sobre o servizo de atención temperá que atende a nenas e nenos de 0 a 6 anos na diagnose, prevención e tratamento de problemas do desenvolvemento e as súas familias. Durante a súa intervención sinalou que en 2022 o Goberno galego incrementará nun 82% o orzamento destinado a esta prestación para mellorar o servizo e ampliar o número de unidades.

A conselleira apuntou que no vindeiro ano se destinarán 6,2 millóns de euros fronte aos 3,4 millóns de euros no ano 2021, o que permitirá manter as unidades xa existentes e abrir novas unidades ata chegar a un total de 50 unidades. Así mesmo, mellorarase o servizo ao financiar o 100% das horas prestadas e ao incrementar nun 5% o prezo por hora. Neste sentido, destacou que nos últimos 11 anos o compromiso da Xunta coa atención temperá non deixou de incrementarse ao multiplicar por 12 o seu investimento e pasar de dúas unidades abertas no ano 2009 ás 36 actuais.

Nestes momentos, o Goberno galego mantén un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) para o mantemento das unidades do Deza, Bergantiños e a comarca do Salnés que dan cobertura a un total de 22 concellos e financia a posta en marcha de 33 unidades municipais que presta servizo a outros 145 concellos e atenden a máis de 2000 nenas e nenos.

Colaboración coas entidades sociais e locais

Fabiola García remarcou que a colaboración do Goberno galego coas entidades sociais e locais permitiu que a atención temperá pasara nos últimos anos de ser un servizo ao alcance duns poucos e afincado nas cidades a ser unha prestación de proximidade, totalmente gratuíta e accesible. Así mesmo, lembrou que este mesmo ano impulsouse o primeiro Plan de formación destinado aos profesionais do sector para seguir mellorando a calidade e unificar criterios de atención.

Imaxes relacionadas