A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o tenente de alcalde asinaron esta tarde o convenio de colaboración

A Xunta licitará este mes por máis de 430.000 euros as obras de humanización de San Pedro de Leirado, en Quintela de Leirado

Tamén se realizarán melloras bioclimáticas e de aproveitamento dos recursos hídricos deste núcleo, como a recondución das augas e o soterramento de liñas

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021

A Xunta licitará este mesmo mes por máis de 430.000 euros as obras para mellorar e humanizar a zona de San Pedro de Leirado, no concello de Quintela de Leirado.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou este compromiso ao tenente de alcalde de Quintela de Leirado, Pablo Pérez, co que esta tarde asinou o convenio de colaboración polo que se executará esta actuación.

Ángeles Vázquez avanzou que, tras a firma do convenio, a actuación xa se pode publicar na Plataforma de contratos públicos, que tamén inclúe melloras bioclimáticas e o aproveitamento dos recursos hídricos, como a recondución das augas, o soterramento das liñas de luz ou telefonía e a pavimentación do espazo. A conselleira trasladoulle o compromiso do seu departamento para facer un seguimento desta intervención, co fin de poder adxudicala no primeiro trimestre de 2022.

Lembrou que esta actuación se executa ao abeiro do plan Hurbe, polo que a Xunta disporá o 70% do orzamento e o 30% restante polo Goberno municipal, administración que se encargará do mantemento das obras, ao remate das mesmas.

Vázquez Mejuto destacou que o Goberno galego manterá esta liña de cooperación cos concellos tamén en 2022, para o que reservou nos seus orzamentos 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Imaxes relacionadas