O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, reuniuse hoxe con responsables da Fundación ANAR

A Xunta mantén como obxectivo prioritario a protección dos menores en situación de risco social

O Goberno galego subvencionou este ano varios proxectos da entidade cunha achega de máis de 45.000 euros procedentes da convocatoria de axudas do IRPF

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, afirmou hoxe que a protección da infancia “continúa a ser un dos obxectivos prioritarios do Goberno galego, en especial cando se trata de menores vulnerables en risco de exclusión”. Díxoo tras manter unha xuntanza de traballo coa Fundación ANAR, organización non gobernamental sen ánimo de lucro especializada na atención a nenos e adolescentes.

Jacobo Rey explicou que este ano 2020 a Fundación ANAR recibiu subvencións por parte da Consellería de Política Social por un importe superior aos 45.000 euros a través da convocatoria de axudas do IRPF. Estas axudas serviron para o desenvolvemento de proxectos como teléfono da entidade para axudar na busca de nenos desaparecidos, o ‘Chat ANAR’ ou o teléfono de familia e centros escolares.

O director xeral de Familia referiuse á importancia do traballo que realizan entidades como a Fundación ANAR para garantir os dereitos e o desenvolvemento pleno de menores en situación ou risco de desamparo social. Durante o presente exercicio, a Fundación ANAR atendeu máis de 2.300 peticións de axudas de nenas, nenos e adolescentes, que foron derivadas aos recursos correspondentes.