O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria coñeceu tres proxectos que recibiron unha mención especial por contribuír á innovación do sector produtivo

A Xunta pon en valor a importancia da transferencia da innovación aos sectores primarios co fin de mellorar a súa competitividade e sustentabilidade

José Luis Cabarcos visitou unha iniciativa relacionada co sector forestal, outra sobre mellora da garantía de orixe do Mel de Galicia e unha terceira arredor da valorización do bagazo para a elaboración de vermicompostaxe

Estes tres proxectos recibiron unha mención especial tras a súa presentación no I Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, organizado pola Consellería do Medio Rural e que se celebrou o pasado día 18 de decembro na Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou hoxe tres iniciativas innovadoras que recibiron cadansúa mención dentro das seleccionadas pola Xunta na convocatoria de proxectos piloto e de grupos operativos rematados no ano 2020. Trátase dunha iniciativa relacionada co sector forestal, doutra sobre a mellora da garantía de orixe do Mel de Galicia e dunha terceira arredor da valorización do bagazo para a elaboración de vermicompostaxe.
Nestas visitas de hoxe, o director da Axencia puxo en valor a innovación como panca de impulso dos sectores primarios e trasladou a importancia de fomentar a transferencia de I+D+i para promover o seu desenvolvemento, así como para mellorar a súa competitividade, nun contexto globalizado e no que cómpre dar resposta ao reto da sustentabilidade ambiental, económica e social.
En primeiro lugar, José Luis Cabarcos coñeceu polo miúdo o proxecto e o prototipo sobre mostraxe forestal mediante parcelas dixitais presentado por un grupo operativo liderado pola Asociación de Desenvolvemento Ódega. Ademais, neste grupo operativo participan tamén a USC e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia.

A continuación, o director desprazouse ata o Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), para coñecer outro proxecto innovador seleccionado pola Xunta, neste caso centrado na mellora da garantía de orixe do Mel de Galicia e presentado polo grupo operativo liderado pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia. No grupo participan, a maiores, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Xunta, a USC e a Universidade de Vigo.

Por último, Cabarcos estivo tamén na localidade luguesa de Escairón para coñecer a iniciativa que leva por título autoxestión e valorización “en bodega” de bagazo fresco e destilado para a elaboración de verdicompostaxe, un proxecto liderado por Adegas Moure e no que tamén participan as universidades de Santiago e de Vigo, así como o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

I Foro de Innovación agraria

Estes tres proxectos recibiron unha mención especial tras a súa presentación no I Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, organizado pola Consellería do Medio Rural e que se celebrou o pasado día 18 de decembro na Cidade da Cultura. Neste evento déronse a coñecer un total de 32 proxectos piloto e de grupos operativos rematados no ano 2020 e beneficiarios dunha achega pública de 5,1 millóns de euros xestionados pola Administración autonómica.

Neste foro, un tribunal –presidido polo propio Cabarcos– avaliou os diversos proxectos e decidiu darlle unha mención especial a estes tres, por –entre outras razóns– identificarse cunha clara vocación de transferencia cara ao sector agroalimentario galego. É dicir, co obxectivo de trasladar ao eido produtivo as innovacións e melloras que precisa para incrementar a súa competitividade.

Imaxes relacionadas