A Xunta destaca na Cañiza a aposta pola minaría sostible da compañía da Cañiza Minera de Rocas

— A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou hoxe a empresa dedicada á extracción e transformación de granito ornamental
— A compañía implantou as normas UNE 22480 e UNE 22470 co apoio da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito e a Administración autonómica
— O próximo ano porase en marcha unha liña de axudas para aquelas empresas do sector mineiro que realicen investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación das normas de xestión mineira sostible
 

A Cañiza (Pontevedra), 21 de decembro de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou hoxe na Cañiza Minera de Rocas, destacando a aposta pola minaría sostible desta compañía dedicada á extracción e transformación de granito ornamental.

Tal e como sinalou Paula Uría, Minera de Rocas implantou as normas UNE 22480 e 22470, centradas na xestión mineiro-metalúrxica sostible, co apoio da Fundación Centro Tecnolóxico de Galicia, grazas a un convenio de colaboración coa Xunta, que entre outras cuestións, busca desenvolver e impulsar instrumentos que permitan traballar cara a sostibilidade e a mellora continua no sector.

Paula Uría destacou que outras dez empresas están a traballar na implantación das normas UNE 22480 e 22470 en colaboración coa Cámara Oficial Mineira de Galicia, coa que a Xunta traballa tamén neste eido a través dun convenio.

A directora xeral insistiu no compromiso da Xunta coa defensa dunha minaría sostible que permita un desenvolvemento industrial compatible co medio natural, que favoreza o emprego de calidade e xere oportunidades económicas e sociais no rural.

A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais reforza para o ano 2022 as partidas destinadas ao aproveitamento sostible dos recursos naturais. Como novidade porase en marcha unha liña de axudas para aquelas empresas do sector mineiro que realicen investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación das normas de xestión mineira sostible.

Isto permitirá, tal e como sinalou Paula Uría, avanzar no obxectivo de que Galicia poida ser a comunidade autónoma con maior número de empresas mineiras coa implantación e certificación nestas normas, deixando patente o fIrme compromiso coa sostibilidade do sector mineiro galego.
 

Imaxes relacionadas