Unha delegación de senadores franceses coñece a experiencia de rexeneración ambiental e de recuperación do lago das Encrobas da man de Augas de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade atende cunha visita ao lago, en Cerceda, o interese da delegación francesa na experiencia de transformación da antiga mina de carbón do municipio

Destaca a incorporación do lago á rede fluvial e o seu potencial no reforzo do encoro de Cecebre para o abastecemento da área da Coruña

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021

Unha delegación de senadores franceses vén de coñecer a experiencia de rexeneración ambiental e o traballo de recuperación do lago das Encrobas, en Cerceda, da man de Augas de Galicia.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, organizou unha visita á lagoa artificial da antiga mina de Meirama para a delegación de senadores franceses, interesados en coñecer a experiencia e o traballo desenvolvido pola entidade hidráulica durante o proceso de restauración ambiental do oco mineiro xerado pola explotación da antiga explotación de carbón que existía na zona.

Os técnicos de Augas de Galicia afondaron no traballo desenvolvido na supervisión do enchido do actual lago artificial das Encrobas, sendo a entidade hidráulica da Xunta un actor fundamental para levar a cabo o seguimento deste proceso desde o primeiro momento. Tras o enchido, a Xunta tramitou o deslinde da zona como dominio público da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

No encontro os técnicos de Augas de Galicia explicaron, ademais, como antes de que se completase o enchido, a entidade hidráulica da Xunta executou as obra previas necesarias para permitir nun futuro a regulación das augas da propia lagoa, incorporando o lago artificial na rede fluvial de dominio público hidráulico. Incidiron, ademais, no potencial do lago como reforzo para o abastecemento de auga potable á poboación.

As obras consistiron na execución da primeira fase dun túnel situado a unha profundidade de 15 metros por baixo da lámina superficial do lago, que permite regular 24 hm3 de auga, servindo isto de reforzo para o encoro de Cecebre e, polo tanto, para todo o sistema de abastecemento da área da Coruña. As obras leváronse a cabo no 2015 e centráronse na execución daqueles elementos que ían quedar mergullados polo lago artificial das Encrobas: a toma de captación, o tramo inicial do túnel e unha cámara de válvulas.