Finaliza a rodaxe en Galicia da serie ‘Rapa’, primeiro proxecto ao abeiro do Hub Audiovisual da Xunta

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, compartiu co equipo a celebración da fin da gravación deste thriller de Movistar+ e Portocabo, que ten prevista a súa estrea na primavera de 2022

O proxecto resultou adxudicatario dunha subvención de 300.000 euros na primeira convocatoria do novo fondo para a atracción de rodaxes

Ferrol, 21 de decembro de 2021

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistiu esta mañá no Teatro Jofre de Ferrol á celebración do remate da filmación en Galicia da serie Rapa, a nova produción coa que Movistar+ e a empresa galega Portocabo agardan reeditar o éxito da súa premiada Hierro. Trátase, ademais, da primeira proposta realizada ao abeiro do novo Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta e, en concreto, do seu fondo para a atracción de rodaxes, no marco do que a produtora galega resultou adxudicataria dunha axuda de 300.000 euros.

Con esta medida específica do Hub, o Goberno galego ofrécelles unha nova inxección económica ás empresas galegas que leven a cabo proxectos xunto con produtoras, canles de televisión e plataformas de fóra de Galicia, ben en calidade de coprodutoras, ben como provedoras de servizos. Un dos principais requisitos consiste na realización dun investimento mínimo en Galicia −1M€ para longas cinematográficas de ficción e animación e 1,5 M€ para as series de ficción−, que no caso da subvención a Rapa implica un gasto superior aos 3M€ a raíz da súa rodaxe na nosa Comunidade.

A serra da Capelada como escenario

A serra da Capelada é o escenario natural desta serie de seis episodios, que ten prevista a súa estrea na primavera de 2022. A historia dá comezo durante a celebración da rapa das bestas, cando ten lugar un crime que Maite, a sarxento da Guardia Civil, intentará resolver coa axuda de Tomás, un profesor frustrado.

Pepe Coira e Fran Araújo son os creadores desta nova proposta televisiva, que dirixe Jorge Coira e conta con Alfonso Blanco, de Portocabo, na produción executiva. En canto á interpretación, Javier Cámara e Mónica García encabezan un elenco cunha importante representación galega, con nomes como Lucía Veiga, Eva Varela, Toni Salgado, Berta Ojea, Iria Sobrado, Tito Asorey, Ricardo Barreiro ou Mabel Rivera, entre outros.

Catro millóns de euros para captar novas filmacións

A primeira convocatoria do fondo de atracción de rodaxes, dotada con 2 millóns de euros, terá continuidade en 2022 cun novo orzamento polo mesmo importe. Supuxo, ademais, o arranque das medidas do Hub Audiovisual como programa de apoio sen precedentes para o conxunto do sector, que busca acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector en Galicia. Contarase para tal fin cun orzamento de 9,6 millóns de euros durante o período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

As próximas subvencións para o desenvolvemento simultáneo de ata cinco proxectos audiovisuais, a posta en marcha da Galicia Film Commission, o polo de talento do sector audiovisual, o plan creativo e empresarial para videoxogos e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural son outras das principais iniciativas que serán desenvolvidas nos vindeiros meses ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural.

Imaxes relacionadas