A Xunta convoca en febreiro e en abril os propietarios dos terreos necesarios para a execución dunha senda e da mellora de seguridade viaria na PO-308, entre Fontenla e Combarro, en Poio

A Consellería de Infraestruturas investirá máis de 1,65 M€ na execución deste itinerario e na eliminación dun treito de concentración de accidentes nese tramo da PO-308, licitando a execución de ambas as dúas actuacións nas vindeiras semanas

A senda executarase nun treito de preto de 1,7 km, pola marxe esquerda da vía, entre os puntos quilométricos 3+500 a 5+150, e inclúe un pequeno treito na marxe dereita, entre a glorieta da VG-4.8 e o acceso ao IES de Poio

Santiago de Compostela, 21 decembro de 2021

A Xunta convoca para os vindeiros meses de febreiro e de abril de 2022 os propietarios dos terreos necesarios para a mellora da seguridade viaria e a execución dunha nova senda na estrada PO-308, entre Fontenla e Combarro, no concello de Poio.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará a estas novas actuacións de mellora da seguridade viaria na PO-308 un investimento que supera os 1,65 millóns de euros, estando prevista a licitación das obras nas vindeiras semanas. Os traballos, que se desenvolverán de xeito coordinado, contan en ambas as dúas actuacións cun prazo de execución de dezaoito meses.

Segundo publica hoxe o Boletín Oficial da Provincia, o acto expropiatorio para a execución da nova senda na PO-308, fíxase para os días 8 e 9 de febreiro, entre as 9:30 e as 13:40 horas, no salón de plenos do Concello de Poio. Posteriormente, convócase os titulares dos terreos á formalización das actas de ocupación, logo do aboamento dos depósitos previos, os días 19 e 20 de abril, no mesmo horario e lugar.

En canto o acto expropiatorio de levantamento de actas previas para a execución das obras de mellora da seguridade viaria da PO-308, en Fontenla, os titulares dos terreos están convocados para os días 11 e 12 de febreiro, entre as 10:00 e as 12:20 horas, no salón de plenos do Concello de Poio. Posteriormente, convócase os titulares dos terreos á formalización das actas de ocupación, logo do aboamento dos depósitos previos, os días 21 e 22 de abril, no mesmo horario e lugar.

Os actos expropiatorios realizarase seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19. O local debe dispoñer dunha superficie suficiente para garantir a separación mínima e estará dotado con carteis informativos e xeles hidroalcohólicos. Os titulares deben asistir con máscara, ir só as persoas estritamente necesarias e non acudir no caso de presentar febre ou síntomas respiratorios.

Execución da senda
A execución da senda na PO-308 en Poio desenvolverase pola marxe esquerda, entre os puntos quilométricos 3+500 a 5+150 e inclúe un pequeno treito na marxe dereita, entre o punto 3+500 e a intersección situada no 3+620 é dicir, entre a glorieta da VG-4.8 e o acceso ao IES de Poio.

O orzamento desta intervención rolda os 975.000 euros, incluído o pagamento dos 49 predios necesarios para levar a cabo este novo itinerario.

A senda, que descorrerá sensiblemente en paralelo á estrada autonómica, acadará os preto de 1,7 quilómetros de lonxitude, terá un ancho mínimo variable de 2,2 metros, separada da calzada por un bordo de formigón, e irá elevada sobre esta 10 centímetros.

Construirase unha pasarela en voo no punto quilométrico 4+260 sobre o rego da Cancela e adaptarase a rede existente de drenaxe, abastecemento, electricidade e iluminación. Tamén se disporá a instalación de mobiliario urbano e distribuiranse zonas axardinadas con rega programada.

Entre as actuacións tamén destaca a execución do novo itinerario na vía municipal de baixada á Seca, desde a intersección do punto quilométrico 4+350 e o novo paso de peóns, no quilómetro 4+420.

Treito de concentración de accidentes
O deseño desta nova senda é complementario e desenvólvese de forma coordinada co proxecto de mellora da seguridade viaria na contorna do tramo de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-308, en Fontenla.

Esta actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta inclúe a mellora das interseccións no treito da PO-308 entre Fontenla e Combarro e a redución do número de xiros á esquerda entre os puntos quilométricos 4+700 e 5+600, para acadar unha diminución da velocidade nesas zonas.

Cabe destacar, ademais, a actuación na intersección do punto quilométrico 3+620, na marxe dereita, onde se executarán cuñas de desaceleración e aceleración; ou no punto quilométrico 3+770, tamén na marxe dereita, onde se actuará para gañar espazo para os xiros e que estes sexan máis seguros e menos bruscos.

Na intersección no punto 3+770, na marxe esquerda, disporase un sentido único e construirase unha pequena cuña de desaceleración; e na intersección entre os puntos 3+930 e 5+010 executaranse dúas glorietas.

O orzamento estimado nesta intervención supera os 676.000 euros, nos cales se inclúe o aboamento dos 30 predios necesarios para executar as obras.

A finalidade da Xunta é acadar o calmado do tráfico mediante a construción de glorietas e a prohibición de xiros á esquerda, minimizando as afeccións e conseguindo unha importante mellora da seguridade viaria.

En conxunto, o departamento que dirixe Ethel Vázquez leva mobilizados 15,65 M€ nos últimos 5 anos na transformación da estrada PO-308.

Estas actuacións completaranse a curto prazo con outros 2,14 M€ nas sendas e melloras de seguridade viaria na contorna de Combarro e Fontela, e de Chancelas ata Samieira.