Xosé Monteagudo recolle o XV Premio de Narrativa Breve Repsol pola súa novela ‘Eternity’

O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto de entrega en que se presentou a obra gañadora, editada por Galaxia

O premio é convocado anualmente pola Xunta de Galicia e a Fundación Repsol co fin de fomentar e reforzar a creación en galego

A Coruña, 20 de decembro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán na entrega do XV Premio de Narrativa Breve Repsol a Xosé Monteagudo, elixido gañador pola súa novela Eternity. O premio Repsol, convocado cada ano pola Xunta de Galicia e a Fundación Repsol para promover e fomentar a creación literaria en galego, está dotado con 12.000 euros e coa publicación da obra gañadora.

No acto de entrega, que tivo lugar na Fundación Paideia Galiza na Coruña, o representante da Xunta saudou a publicación de Eternity e animou á súa lectura, “que non defraudará a quen se achegue nin a esta nin a ningunha das novelas que nestes 15 anos levan gañado o Premio Repsol, un galardón que contribuíu á consolidación de autores e obras en galego de gran calidade”.

Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén participaron neste acto, presentado pola xornalista María Nieto, Mercedes Gómez, subdirectora de Relacións Institucionais da Fundacións Repsol; Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, e Xosé Monteagudo, gañador do premio. Ademais, a celebración estivo amenizada pola actuación musical de Rosa Cedrón e incluíu a presentación da novela gañadora, editada e publicada por Editorial Galaxia.

Gañadora entre 36 propostas

Xosé Monteagudo impúxose coa súa novela Eternity, seleccionada polo xurado entre as 36 obras orixinais e inéditas en lingua galega que concorreron a esta XV edición do certame. Segundo o xurado, “Eternity consegue artellar unha trama na que se funden a precariedade laboral, o mundo dixital e a construción da memoria. Sitúanos ante unha serie de desafíos que enfrontamos decote, en ocasións sen decatarnos: como están a mudar as nosas vidas, ata que punto as convertemos en ficción, como se constrúe a historia persoal, como enfrontamos a morte”.

Xosé Monteagudo (Moraña, 1965) é licenciado en Dereito, técnico de Facenda na Axencia Tributaria e colaborador da revista Grial, na que realiza críticas literarias. Comezou a súa traxectoria literaria cando obtivo o accésit no Premio Modesto R. Figueiredo no ano 2001 co relato O engado do triángulo. Só un ano despois, a súa primeira novela, As voces da noticia, foi gañadora do Premio Blanco Amor. Despois viñeron o Premio García Barros pola novela Un tipo listo, no 2009, e o Premio San Clemente Rosalía-Abanca, por Todo canto fomos, no 2017.

15 anos impulsando a escrita en galego

O Premio de Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 de forma conxunta pola Refinería de Repsol da Coruña e a Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar e reforzar a creación literaria en lingua galega. No 2010, a Fundación Repsol tomou o relevo no impulso deste certame que desde os seus comezos conta co apoio da Real Academia Galega, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Editorial Galaxia, editora das anteriores obras gañadoras.

Desde o seu nacemento hai xa 15 anos, no certame participaron máis de 450 obras orixinais e inéditas en lingua galega.