Sergas e sindicatos negocian unha procedemento para xestionar os días de permiso por asuntos particulares

O departamento sanitario da Xunta presenta unha proposta de instrucións na que se contempla a posibilidade de desfrutar estes permisos máis alá dos períodos regulamentarios

Sanidade e organizacións sindicais reproban calquera tipo de conduta negacionista que poña en dúbida as actuacións levadas a cabo para loitar contra o coronavirus

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2021

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, mantiveron hoxe unha nova sesión da Mesa Sectorial de Sanidade, na que se propuxo un procedemento para que o persoal sanitario poida gozar dos días de permiso aos que ten dereito por asuntos particulares, e cuxa xestión se está a ver condicionada polo incremento da carga asistencial e as dificultades para a dispoñer de persoal substituto nalgunhas categorías profesionais, por mor da actual crise sanitaria.

Durante a xuntanza, na que participaron os representantes das organizacións sindicais integrantes da mesa: CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT, o departamento sanitario da Xunta presentou unha proposta de instrucións na que se contempla a posibilidade de gozar destes permisos máis alá dos períodos regulamentarios, cando se deneguen por necesidades do servizo, garantindo que os traballadores non perdan os días aos que teñen dereito e, facilitando, ao mesmo tempo, a aplicación práctica e uniforme dos permisos nas distintas xerencias, para acadar unha planificación eficiente do persoal que garanta en todo momento a calidade asistencial en cada unidade. Os sindicatos foron emprazados a estudar a proposta e a formular as súas alegacións nas vindeiras datas.

Durante a pandemia o Servizo Galego de Saúde reforzou os seus cadros de persoal e, os contratos realizados con ocasión da emerxencia sanitaria foron prorrogados. Actualmente, o Sergas conta con 1.000 enfermeiras máis que no ano 2019, previo á pandemia, e con máis de 3.100 profesionais en todas as categorías profesionais.

Ante as dificultades para contratar a máis persoal de enfermaría, dado que se esgotaron as listaxes de aspirantes para contratos nesta categoría, o Sergas comprometeuse a estudar e regular fórmulas compensatorias pola prestación de servizos, máis alá dos recollidos na carteleira de traballo, en áreas de hospitalización e unidades especiais, para garantir asemade a prestación da asistencia sanitaria.

A Administración sanitaria agradece o esforzo do persoal do Sergas durante a pandemia e, especialmente, nestes días do Nadal.

Reprobación ás condutas negacionistas

A responsable de Saúde Pública, Carmen Durán, trasladou aos axentes sociais os datos da situación epidemiolóxica na comunidade autónoma, informando polo miúdo dos datos de incidencia acumulada de casos de covid-19 en Galicia, así como a información referida ao Plan de vacinación galego. Así, exhortou a axentes sociais, profesionais e a poboación en xeral, a cumprir e difundir as medidas de prevención dispostas pola Consellería de Sanidade.

Neste punto, Administración e sindicatos coincidiron en reprobar calquera tipo de conduta negacionista -difundidas nos últimos días en medios de comunicación, pero das que o Sergas non ten constancia formal-, que poida boicotear ou poñer en cuestión as actuacións emprendidas pola Administración sanitaria na súa loita contra a pandemia, e e derivar nun maior risco para a saúde da cidadanía galega.