Sete novos expedientes de fútbol, fútbol sala e automobilismo, a estudio na oitava reunión da Comisión galega de control da violencia

O secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión, Lete Lasa, insiste, unha vez máis, na “responsabilidade na salvagarda dos valores esenciais no deporte”

Santiago, 20 de decembro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu na mañá de hoxe a oitava reunión da Comisión Galega de Control da Violencia desde que foi constituída para dar resposta ás denuncias e incidentes naquelas competicións deportivas oficiais no ámbito autonómico, provincial, zonal ou local.
Na reunión mantida hoxe estudáronse sete novos expedientes nas modalidades de fútbol e automobilismo. Máis polo miúdo tratouse das ameazas proferidas polo pai dun xogador a outro xogador nun partido de fútbol xuvenil; percorrer a pé parte da vía delimitada con motivo do Rallye de Ourense e saír do tramo pechado e cruzar pola estada coa proba en curso no Rallye do Lacón; unha disputa e unha presunta agresión do público a un xogador de fútbol sala; e os insultos proferidos polos afeccionados a un árbitro de fútbol nun partido de cadetes.
O secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión Galega de Control da Violencia, José Ramón Lete Lasa, insistiu, unha vez máis, na “responsabilidade na salvagarda dos valores esenciais no deporte” e uniu este deber cos clubs, entidades deportivas e federacións, así como ás persoas organizadoras de competicións e espectáculos tal e como marca a Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galicia.
 

Imaxes relacionadas