O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias repartiu hoxe este material solidario á asociación benéfica, como parte dunha campaña de ámbito galego

A Xunta entrega máis de 13 toneladas de produtos agroalimentarios de Mercaproximidade ao Banco de Alimentos de Lugo

No conxunto de Galicia, a Consellería do Medio Rural fará entrega estes días de preto de 63 toneladas de produtos agroalimentarios aos diferentes bancos de alimentos

Dende o comezo da emerxencia sanitaria, a Xunta doou este tipo de produtos tanto ás cociñas económicas como a hospitais e centros escolares, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada

Lugo, 20 de decembro de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, fixo hoxe entrega de alimentos no marco da canle Mercaproximidade ao Banco de Alimentos de Lugo. En total, esta asociación solidaria beneficiouse da achega de 12.900 quilos de produtos do agro (patacas, Ternera Gallega e mel), así como de 1.365 pezas de queixo da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Tetilla.

No acto, o director xeral destacou que esta iniciativa se enmarca dentro da rede Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización habilitada polo Goberno galego ao inicio da emerxencia sanitaria para garantir que as producións do noso sector primario atopaban saída nas principais cadeas de distribución.

Ao abeiro de Mercaproximidade, no conxunto de Galicia estanse a distribuír, ao longo deste mes de decembro, un total de 62.800 quilos de produtos, contabilizando patacas, Ternera Gallega, mel, porco celta e cordeiro, así como 4.055 pezas de queixos con DOP, 70 pezas de salchichón e chourizo cular e un cento de tarrinas de requeixo. En total, estes produtos de calidade acadan un valor que se achega aos 89.000 euros. Todo este material estase a entregar aos bancos de alimentos da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo, Rías Altas, Monforte, A Mariña e Santiago de Compostela.

Mercaproximidade

Dende o comezo da emerxencia sanitaria pola covid-19, a Xunta doou este tipo de produtos tanto aos bancos de alimentos como ás cociñas económicas, para atender os colectivos máis desfavorecidos. Así mesmo, cedéronse alimentos aos hospitais galegos, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada
No marco da canle Mercaproximidade, que tiña como principal obxectivo dar saída aos produtos agroalimentarios galegos nos establecementos das principais cadeas de distribución que operan en Galicia, tamén se desenvolveron campañas nas redes sociais baixo os cancelos #EuVoudeSuperfeirón e #FeirónNaCasa, para impulsar a compra de produtos locais de calidade, así como o seu emprego para a elaboración de receitas gastronómicas.

Menús escolares de Nadal

A maiores, tamén dentro de Mercaproximidade, neste mes a Consellería do Medio Rural repartiu entre preto dunha decena de centros escolares galegos máis de 600 quilos de produtos agroalimentarios da nosa comunidade para que puidesen confeccionar menús de Nadal a preto de 1.650 rapaces. En concreto, foron oito centros escolares galegos os que recibiron estas producións por parte da Xunta para elaborar os seus menús de Nadal entre o pasado luns 13 de decembro e mañá martes, día 21.

Imaxes relacionadas