O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, mantivo unha reunión co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, para informarlle das melloras neste recurso

O incremento da achega da Xunta para o financiamento do servizo de axuda no fogar ascenderá ao 24% nesta lexislatura

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se modifica o módulo de financiamento deste servizo

A achega autonómica pasará dos 9,7 euros/hora actuais aos 12 euros/hora que se acadarán en 2024

Sanxenxo (Pontevedra), 20 de decembro de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, mantivo un encontro co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, para falar das melloras no financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que no día de hoxe se publican no Diario Oficial de Galicia (DOG) e polas que a Xunta incrementa os fondos nun 24% de xeito progresivo nesta lexislatura.

Antón Acevedo explicou que a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios (Fegamp) asinaron un acordo en outubro que blinda o financiamento do SAF para toda a lexislatura, que suporá un incremento acumulado da achega autonómica de 70 millóns de euros.

Con este novo escenario, a achega autonómica ao SAF pasará dos 9,7 euros/hora actuais aos 12 euros/hora en 2024. Así, este ano e o vindeiro a Xunta sufragará 11 euros/hora; no 2023, incrementarase ata os 11,5 euros/hora; e no 2024 xa se acadarán os 12 euros/hora. O obxectivo é dar maior seguridade económica aos concellos e tamén máis calidade aos coidados profesionais a domicilio, que na actualidade reciben máis de 24.000 galegas e galegos.

Ademais de mellorar o financiamento do servizo, o acordo subscrito incide no seu desenvolvemento. Neste sentido, o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria subliñou que o goberno galego porá á disposición dos concellos, a través da Fegamp, un prego tipo para que teñan unha base común sobre a que licitar esta prestación. O obxectivo é estandarizar, na medida do posible, os servizos que se prestan e as condicións nas que se fai.

Orzamentos 2022

Galicia é unha das comunidades líderes en coidados profesionais a domicilio en canto a número de beneficiarios, e nos orzamentos para 2022 dáselle un novo pulo, xa que se destinan 101 millóns de euros a esta finalidade, 18 máis que nas contas deste ano.

Unha cifra récord para seguir a avanzar no reto de que cada persoa poida facerse maior e recibir a atención que necesita onde desexe: ben sexa na súa casa ou nun centro residencial.

Imaxes relacionadas