A Xunta achega aos concellos de Pontevedra a máxima cooperación para garantir un desenvolvemento eólico ordenado e sustentable

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, xunto co delegado territorial da Xunta, Luis López, mantivo hoxe un encontro informativo con alcaldes e representantes de municipios da provincia

A Administración autonómica busca achegar a máxima seguridade xurídica aos proxectos e respectar o medio natural

Pontevedra, 20 de decembro de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo hoxe un encontro informativo en Pontevedra con alcaldes e representantes de municipios da provincia sobre os parques eólicos en tramitación. Na xuntanza, na que participou tamén o delegado territorial da Xunta, Luis López, Paula Uría trasladoulles a necesidade da cooperación institucional entre a Administración autonómica e os concellos para lograr un desenvolvemento da enerxía eólica ordenado e sustentable.
Así, tal e como lembrou a directora xeral, o obxectivo da Administración autonómica é unha planificación ordenada que permita achegar a máxima seguridade xurídica aos proxectos eólicos e respectar o medio natural. Para iso, e entre outras actuacións, a Xunta, a través da lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos do 2022, establecerá a partir do próximo mes de xaneiro unha moratoria de 18 meses para poder tramitar coas máximas garantías os expedientes que ten a Xunta nestes momentos enriba da mesa.

A lei de medidas tamén acorda unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos de poboación, pasando dos 500 metros actuais a unha distancia que se calculará multiplicando por cinco a altura do aparello, logrando así un menor impacto visual.

Paula Uría recordou que, dentro do obxectivo de levar a cabo un desenvolvemento eólico ordenado, a Xunta está a impulsar tamén ferramentas de transparencia, colaboración institucional e información destinadas aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas.

Un exemplo destas iniciativas é a rede de información provincial de proxectos eólicos, que permite que antes de proceder á exposición pública dos proxectos, se poida dar información de primeira man aos concellos nos que se teñan previsto implantar.

Ademais, o Goberno galego preparou unha guía divulgativa da tramitación dun proxecto eólico que se pode atopar na web da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, co ánimo de mellorar a información aos cidadáns sobre o proceso de tramitación dos parques eólicos.

Neste sentido, púxose en marcha unha oficina de información a propietarios de terreos para facilitarlles a información precisa sobre o método e os criterios de valoración dos terreos afectados, así como a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do solo –pódese contactar con este servizo a través do teléfono 881 122 908 ou no correo infoeolicos-propietarios.enerxia@xunta.gal–.

Imaxes relacionadas