O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da adxudicación desta axuda destinada ás administracións locais

A Xunta destina 5,8 millóns de euros a financiar 208 programas de inclusión social de 59 concellos galegos

Con esta achega, as administracións locais poderán levar a cabo iniciativas que permitan a adquisición de formación básica ou laboral, a realización de actuacións de mediación intercultural ou programas de educación e apoio familiar

O período para desenvolver as actividades subvencionadas aumenta de 20 a 22 meses para dar maior estabilidade financeira ás corporacións municipais

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da adxudicación da orde de axudas de inclusión social para o período 2021-2023 coa que a Xunta financia, con 5,8 millóns de euros, 208 programas de atención a persoas en risco ou situación de vulnerabilidade que desenvolverán 59 corporacións municipais.

A través desta orde de axuda, os entes locais sufragarán programas que permitirán a adquisición de formación básica ou laboral adaptada ás necesidades dos destinatarios; a realización de actuacións de mediación intercultural ou de carácter residencial, e programas de educación e apoio familiar.

Deste xeito, o Goberno galego incrementou en 600.000 euros a contía adxudicada desta orde con respecto á pasada convocatoria. Ademais, tamén aumentou o período para levar a cabo os programas subvencionados de 20 a 22 meses. Ampliar este período permite que os proxectos teñan maior estabilidade financeira e poidan ter marxe para ser máis ambiciosos.

Así mesmo, por segunda vez inclúese un programa específico para atención ás persoas sen fogar, na liña do Plan pioneiro que ten en marcha a Xunta de Galicia para axudar a este colectivo a superar a súa situación.

Imaxes relacionadas