A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde asinaron esta semana un convenio de colaboración no marco do Fondo de Cooperación

A Xunta financia con 60.000 € a humanización da praza da Verdura e a adquisición dunha vivenda na Merca

O Concello accede a un crédito sen xuros que poderá devolver ao Instituto Galego da Vivenda e Solo en oito anos

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia facilita 60.000 euros ao Concello da Merca para sufragar a humanización da praza da Verdura e a adquisición dunha vivenda neste mesmo enclave.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José Manuel Garrido, asinaron esta mesma semana dous convenios de colaboración cos que o Concello poderá acceder a un préstamo do Fondo de Cooperación.

Este instrumento de apoio económico, concibido para concellos de menos de 50.000 habitantes, foi impulsado polo o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) no ano 2017 e está dotado dun orzamento global de 20 millóns de euros.

No caso concreto da Merca, o crédito sen xuros ao que accede, e que poderá devolver á Xunta nun máximo de oito anos, permitirá levar a cabo a reforma e acondicionamento da praza da Verdura, co fin de habilitar un espazo accesible e mellorado ao servizo dos veciños, e apoialo na adquisición dun inmoble nesta mesma praza.

A conselleira recordou que a evolución ascendente de axudas concedidas desde 2017 son unha mostra da consolidación do Fondo de Cooperación do IGVS como unha ferramenta de apoio útil e ben valorada polas entidades locais. Nesta liña, subliñou que este programa supón unha solución ás dificultades coas que se atopan en moitas ocasións as entidades locais para poder acceder a vías de financiamento que lles permitan executar proxectos de interese municipal.

Por iso, salientou a importancia de que as distintas administracións públicas traballen man a man co obxectivo común de ofrecer os mellores servizos públicos ao cidadán, ao tempo que enmarcou o Fondo de Cooperación na aposta da Xunta pola rehabilitación e a posta en valor do patrimonio inmobiliario xa construído.

Como mostra do éxito deste programa, recordou que no 2021 a Xunta concedeu máis de 4 millóns de euros a un total de 11 municipios para levar a cabo unha catorce actuacións, entre as que se inclúen as da Merca.

Imaxes relacionadas