A Xunta pon en valor a contribución das Asociacións de Amigos do Camiño na promoción das rutas xacobeas

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no “Foro Xacobeo de Asociacións Españolas de Amigos do Camiño de Santiago”
Alfonso Rueda destacou a dedicación destas entidades na protección dos trazados e o patrimonio das rutas, na acollida aos peregrinos a través de voluntarios e hospitaleiros, ademais da divulgación da cultura xacobea
A Xunta apoia a súa actividade con 520.000 euros investidos nos últimos 4 anos, 150.000 euros na última convocatoria deste 2021
O vicepresidente primeiro animou ás asociacións a invitar a camiñar a Galicia a peregrinos de todo o mundo en 2022, no segundo ano deste Xacobeo 21-22
 

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe no Foro Xacobeo de Asociacións Españolas de Amigos do Camiño de Santiago o traballo destas entidades na difusión e promoción das rutas xacobeas, e por tanto, o importante papel que xogan neste Xacobeo 21-22 para contribuír á reactivación da peregrinación tras a pandemia do coronavirus.
No acto, ao que tamén acudiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recoñeceu o labor das máis de 300 asociacións repartidas por todo o mundo, das que 34 están en Galicia e dedícanse a manter o espírito tradicional das peregrinacións e defender a conservación dos itinerarios xacobeos. “Coa dedicación destas asociacións ao longo da historia, o Camiño de Santiago converteuse no fenómeno universal que é na actualidade”, afirmou Alfonso Rueda, que engadiu que conforman “un piar básico no impulso da peregrinación a Compostela”.
Tamén incidiu no compromiso da Xunta para apoiar a súa actividade a través das axudas anuais nas que o Goberno galego leva investidos uns 520.000 euros nos últimos catro anos. Na última convocatoria deste ano, a Xunta destinou 150.000 euros a apoiar os proxectos de 24 entidades relacionados coa acollida aos peregrinos, a protección do trazado e do patrimonio das rutas, así como o desenvolvemento de actividades e as publicacións encamiñadas á difusión da cultura xacobea.
Ademais, as iniciativas presentadas por unha ducia de asociacións foron beneficiarias das dúas convocatorias do programa O Teu Xacobeo, co que a Xunta busca implicar á cidadanía na celebración deste Ano Santo Dobre facendo partícipe a tódolos concellos galegos deste evento.
Na súa intervención puxo en valor que o Camiño ofrece cultura, patrimonio, paisaxe e hospitalidade; ademais dunha meta espiritual para moitas persoas que o percorren. Por iso, agradeceu o traballo dos voluntarios e hospitaleiros que seguen difundindo estes valores.
Deste xeito, animou ás Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago a continuar coa promoción do Camiño de Santiago para en 2022, no segundo ano deste Xacobeo, invitar a camiñar a Galicia a peregrinos de todo o mundo e mellorar as cifras deste 2021, no que se se superaron as expectativas ao acadar en setembro as 140.000 Compostelas coas que se prevía pechar o ano e con unhas 178.000 seladas desde xaneiro.
 

Imaxes relacionadas