O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade presenta aos representantes do sector cultural a folla de ruta que marcará a dirección a seguir polo Gaiás ata 2027

A Xunta lanza un novo Plan Estratéxico para a Cidade da Cultura con máis de 5.000 actividades dirixidas a potenciar a creatividade e a innovación en Galicia

Román Rodríguez anuncia que se mobilizarán preto de 30 millóns co obxectivo de que o Gaiás chegue a 2027 duplicando practicamente o valor que achega á sociedade

O apoio á creación convértese nunha prioridade con programas específicos e habilitando espazos para que artistas desenvolvan as súas propostas

Amplíase o ámbito de actuación da Cidade da Cultura, que comezará a producir proxectos noutros espazos culturais da Comunidade

O novo plan prevé a creación do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia co fin de aproveitar as oportunidades que brinda o binomio creación e tecnoloxía

A estratexia 2021-2027 potencia o Gaiás como a plataforma para proxectar no exterior a cultura galega e participar en proxectos con institucións internacionais
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, deu a coñecer esta maña en Santiago o II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, un programa de 70 accións que mobilizarán preto de 30 millóns de euros destinados a potenciar a innovación e a creatividade como motores de desenvolvemento de Galicia.

Esta nova folla de ruta, presentada no Edificio Fontán ante representantes do sector cultural e de traballadores das institucións residentes na Cidade da Cultura, define a dirección a seguir polo Gaiás nunha fase marcada polo remate dos grandes proxectos construtivos e protagonizada pola expansión da actividade.

Proba disto é que a nova estratexia prevé que se desenvolvan 5.000 eventos e actividades culturais ata o ano 2027. En canto o número de participantes nestas actividades, o obxectivo é que en 2027 sexan un 43% máis que este ano e, no caso dos eventos organizados por empresas, institucións ou colectivos sociais nos espazos do Gaiás, que medren ata duplicarse –de 286 a 520 cada ano-.

O titular de Cultura da Xunta de Galicia destacou que o obxectivo é multiplicar o impacto positivo do Gaiás na sociedade e ampliar o seu alcance. Así, precisou que o plan fixa como unha das súas metas principais chegar a 2027 practicamente duplicando o valor social que xera a Cidade da Cultura.

En cifras concretas, Román Rodríguez lembrou que este ano se realizou o primeiro estudo de contabilidade social, en colaboración coa Universidade de Deusto, que concluía que por cada euro de investimento público, o Gaiás retorna a Galicia 1,85. O obxectivo é elevar esta cantidade ata os 2,5 no 2027.

Entre as principais novidades, o responsable de Cultura do Goberno galego avanzou que a Xunta está decidida a transformar o Gaiás nunha “factoría de contidos”, un espazo que vaia máis alá da exhibición e que impulse programas de apoio a creación e habilite espazos para que os creadores e creadoras desenvolvan fisicamente neste equipamento as súas propostas.

Maior alcance da acción do Gaiás

Román Rodríguez adiantou que a nova estratexia prevé “un Gaiás máis alá do Gaiás, unha Cidade da Cultura de Galicia cada vez máis de Galicia” e que, con este obxectivo, ampliarase o seu radio de acción. “O Gaiás non só itinerará contidos noutras institucións de Galicia e de fóra de Galicia, como xa acontece coas exposicións. Pretendemos que tamén destine os seus recursos a producir contidos en espazos culturais doutras cidades e vilas galegas, descentralizando a súa actividade”, explicou o conselleiro.

A aposta da Xunta por converter a Cidade da Cultura nunha das principais ferramentas para proxectar a cultura galega no exterior figura tamén entre as liñas estratéxicas do novo plan. Así, o conselleiro subliñou que a internacionalización funcionará nunha dobre vía: “Queremos que o Gaiás sirva para dar visibilidade fóra de Galicia ao traballo de creadores galegos, pero tamén como institución coa entidade e crédito para participar en proxectos internacionais con museos ou espazos de referencia”.

Centro de Artes Dixitais

O Plan Estratéxico compromete unha aposta decidida polo binomio de arte e tecnoloxía coa creación do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia, un espazo onde se combinen innovación, creación e novas linguaxes nun espazo destinado a que artistas de diferentes eidos experimenten e aproveiten as oportunidades que están a xurdir con novos modos de expresión que chegan da man de tecnoloxías como as experiencias inmersivas, a realidade aumentada, os NFT’s, etc.

O Proxecto Ollándonos –eixo de traballo para afondar no coñecemento do nosos propios legados, pero tamén como vía para proxectar o noso talento fóra de Galicia– e o desenvolvemento de programas de cualificación en tecnoloxía dixital, mentorización para proxectos novos ou promoción de empredemento destinados a fortalecer e modernizar as industrias culturais e creativas son outras dúas apostas destacadas deste plan.

Recurso turístico

A estratexia 2021-2027 recolle tamén accións dirixidas a estreitar a conexión do Gaiás co Camiño de Santiago e co Xacobeo, enriquecendo a experiencia da peregrinación e da visita a Compostela e ampliando a oferta de recursos turísticos da capital galega. En cifras, destaca a aspiración de chegar ao 2027 cun incremento na cifra de visitas ao Gaiás dun 40%, superando as 1.400.000 ao ano.

Este novo documento, aprobado polo padroado da Fundación Cidade da Cultura e validado polo Consello da Xunta, é o resultado dun proceso aberto, transparente e avalado por expertos. Na súa elaboración contouse coa opinión de especialistas galegos, nacionais e internacionais e incorporouse a opinión da cidadanía a través de enquisas online.

O resumo executivo do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura pode consultarse aquí.
 

Imaxes relacionadas