A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitaron hoxe a exposición na Alameda compostelá

A Xunta anima desde Santiago a coñecer as sete reservas da biosfera galegas cunha mostra itinerante sobre os valores destes espazos naturais

Con motivo do 50 aniversario da creación do programa da Unesco sobre o Home e a Biosfera, o Goberno galego promove esta iniciativa, que arrancou en Lugo o pasado 1 de decembro e percorre as sete grandes cidades ata o mes de xaneiro

Máis dun terzo do territorio galego xa está amparado por esta figura internacional

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2021

A exposición itinerante sobre as sete reservas de biosfera de Galicia chegou hoxe á cidade de Santiago, unha mostra coa que a Xunta quere animar aos cidadáns a coñecer uns espazos que destacan tanto polos seus valores naturais como por ser un exemplo de convivencia entre homes e contorna.

Así o subliñou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen visitou esta mañá a exposición no Paseo central da Alameda, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Cómpre lembrar que esta mostra de carácter itinerante é unha iniciativa impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración co Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida), para celebrar o 50 aniversario da creación do programa sobre o Home e a Biosfera (MaB) da Unesco.

A exposición, que permanecerá na Alameda compostelá ata o vindeiro martes 21 de decembro, consta de nove paneis informativos, onde se pon o foco nos valores medioambientais, culturais e paisaxísticos que atesouran as reservas, así como na importancia de apostar polo desenvolvemento sostible para facilitar a actividade económica e social de quen habita estes espazos.

A capital galega é a cuarta cidade que acolle esta iniciativa, que arrancou o 1 de decembro en Lugo por ser esta a provincia galega que atesoura o maior número de reservas da biosfera —catro das sete declaradas—, tras a recente proclamación da Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. A seguinte parada será en Ferrol, onde poderá visitarse do 23 ao 26 de decembro, para desprazarse despois á Coruña, do 28 de decembro ao 2 de xaneiro, e pechar o seu percorrido en Pontevedra, no primeiro mes de 2022.

6,4 M€ de investimentos en 2022

En total, as sete reservas de biosfera de Galicia suman 1,03 millóns de hectáreas terrestres, o que significa que máis dun terzo da Comunidade conta con este recoñecemento internacional. De feito, é a segunda Comunidade autónoma con máis superficie baixo este selo, tan só superada por Andalucía.

Co fin de seguir protexendo e conservando estes espazos, Belén do Campo lembrou que a Xunta destinará ao longo do vindeiro ano 6,4 millóns de euros ao impulso de actuacións para a posta en valor da riqueza natural das reservas de biosfera. Estes fondos permitirán levar a cabo accións e proxectos para desenvolver o seu potencial, que sigan poñendo no punto de mira a nivel mundial as excelencias naturais e paisaxísticas de Galicia.

Imaxes relacionadas