Así o trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, no encontro que mantivo esta semana co alcalde, Luis Menor

A Xunta investirá 1,8 M€ na execución de dúas sendas nas estradas OU-536 e ou-101, no Pereiro de Aguiar, que prevé licitar na primavera

Nas vindeiras semanas disporase dos proxectos definitivos destas dúas actuacións, que se reformularon para minimizar ao máximo as afeccións, aceptando así as alegacións recibidas

As intervencións recollen a construción de novos treitos de sendas na estrada OU-101, na Medorra e no Paiseo; e na OU-536, nas Vendas e en Santa Baia, beneficiando tamén aos concellos de Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas e Esgos

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2021

A Xunta licitará na vindeira primavera as obras de dúas novas sendas peonís nas estradas OU-536 e OU-101, no concello do Pereiro de Aguiar, que suporán un investimento autonómico de arredor de 1,8 M€ e que cos que tamén se actuará nos concellos de Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas e Esgos.

Así o avanzou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, no encontro que mantivo esta semana co alcalde, Luis Menor.

A titular de Infraestruturas explicou que nas vindeiras semanas está previsto contar con proxectos definitivos destas dúas actuacións, que se reformularon para minimizar en todo o posible as afeccións aos veciños, atendendo así as alegacións recibidas tras os procesos de información pública, así como as necesidades que transmitiron os concellos.
Concretamente, proxéctase a construción de novos treitos de senda na estrada OU-101: na Medorra, entre os puntos quilométricos 7+750 e 9+420; e no Paiseo, entre os quilómetros 13+780 e 14+230. O investimento estimado é de arredor de 865.000 euros.

Na estrada autonómica OU-536 executaranse novos treitos de itinerarios peonís nas Vendas, entre os quilómetros 11+890 e 12+810, e en Santa Baia, entre os puntos quilométricos 9+100 e 11+120. Estas actuacións contarán cun investimento autonómico próximo aos 930.000 euros.

Ethel Vázquez confirmou que, atendendo á solicitude do Concello, estes proxectos recollerán a preinstalación dos servizos de alumeado, como se fixo nas sendas que están actualmente en execución nas estradas OU-536 e OU-537.

Estas dúas actuacións serán cofinanciadas con fondos REACT e FEDER do período operativo 2014-2020.

A conselleira de Infraestruturas tamén se comprometeu a avaliar a viabilidade dun novo itinerario proposto polo Concello, para conectar a senda en execución da estrada OU-537, que chega ao parque empresarial e ao parque acuático, co encoro de Cachamuíña, cruzando a estrada OU-536.

Vázquez Mourelle informou, ademais, de que a comezos deste mes de decembro se retomaron os traballos das sendas na OU-537, na contorna dos parques empresariais, e na OU-536, na Derrasa, unha vez realizada a preinstalación do alumeado público e a restitución dun treito de luminarias. O grado de execución dos traballos rolda actualmente o 50%.

Estase a construír un novo itinerario pola marxe dereita da estrada autonómica OU-537, a vía dos parques empresariais, cunha lonxitude aproximada de máis de 2 quilómetros, entre a intersección coa OU-101, na Medorra, e a intersección coa OU-536, na Derrasa.

A outra senda vai pola marxe esquerda da OU-536, desde o punto quilométrico 7+080, á altura da ponte sobre o río Loña, no trazado da antiga estrada, frecuentada por peóns pola proximidade do encoro de Cachamuíña, ata o paso de peóns do punto 8+080, na Derrasa.

Estes dous treitos de senda mixta, peonil e ciclista, supoñen un investimento da Xunta superior a 1 M€. Están incluídos no Plan de sendas na comarca de Ourense, que suma un total de 15 quilómetros de itinerarios, seguros, sostibles e integrados na paisaxe, cofinanciados con fondos FEDER 2014-2020 para o fomento da mobilidade sustentable.

Imaxes relacionadas