A Xunta convida a descubrir en familia a instalación de Nadal do Gaiás 'O marabilloso camiño de inverno'

— A deseñadora galega Ana Inés Jabares-Pita, premiada como unha das mellores escenógrafas do Reino Unido, transforma o Museo Gaiás nun paraíso de globos de neve e luz que atesouran as paisaxes e monumentos do Camiño de Santiago

— O concerto debut da cantaora Marina Heredia coa Sinfónica de Galicia abre o programa de actividades para todos os públicos do ‘Nadal no Gaiás’

— Volve tamén 'Nadal en rede' co seu programa de actividades para celebrar as festas en galego con concertos e teatro para todos os públicos
 

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia convida ás familias a percorrer O marabilloso Camiño de Inverno na Cidade da Cultura, unha instalación que nos transporta á Ruta Xacobea, atravesando un bosque de luz poboado por globos de neve xigantes e pequenos que atesouran no seu interior paisaxes, monumentos e cidades emblemáticas do Camiño.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, animou a pequenos e maiores a compartir a ilusión e a emoción do Nadal e a redescubrir o Camiño de Inverno nesta instalación, que pode visitarse de balde ata o 6 de xaneiro, e que se enmarca na programación do Goberno galego de Nadal no Gaiás.
A instalación, que pode visitarse de balde ata o 6 de xaneiro de 2022 no Museo Centro Gaiás, inaugurouse hoxe á tarde co tradicional prendido das luces da árbore de Nadal, ao que asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado da directora xerente da Cidade da Cultura e da deseñadora e escenógrafa galega Ana Inés Jabares-Pita, creadora de O marabilloso Camiño de Inverno.
Aproveitando a conmemoración do Xacobeo 21-22, Jabares-Pita propúxose unir o Nadal co Camiño de Santiago e atopou no Camiño de Inverno o elemento común do que partir. Este itinerario que os peregrinos adoitaban empregar para evitar as neves do Cebreiro, foi a súa inspiración para construír un paraíso de inverno de inverno no Gaiás.
As familias atoparán no hall do Museo globos de neve a escala humana que gardan no seu interior diferentes paisaxes, monumentos e cidades desta ruta, que entra en Galicia por Ponferrada e continúa seguindo o curso natural do río Sil pola comarca de Valdeorras, o sur da provincia de Lugo e o Deza ata chegar a Compostela. O marabilloso Camiño de Inverno propón para a cativada un percorrido máxico que xoga coa luz e coas escalas, do xigante ao diminuto, e convida tamén a resolver o enigma de identificar as diferentes etapas do Camiño.
Ana Inés Jabares-Pita conta cunha recoñecida traxectoria como escenógrafa e deseñadora para espectáculos de ópera, danza e teatro. Traballa principalmente no Reino Unido, onde colabora con algunhas das compañías de máis prestixio do país, como A English National Opera, o Royal Court Theatre ou a Royal Shakespeare Company, entre outras. O seu talento valeulle no ano 2013 o Premio Linbury, o galardón máis importante no ámbito da escenografía no Reino Unido.
A deseñadora confesa que o maior reto que enfrontou para crear O marabilloso Camiño de Inverno foi o propio espazo do Museo Centro Gaiás. Non só polas diferenzas respecto dun teatro ou auditorio, senón pola propia grandiosidade da arquitectura de Eisenman, que asegura hai que entender e adaptarse a ela, porque competir con ela é imposible. Tamén o traballo de documentación previo foi moi exhaustivo, ao non dispor dun texto ou música concretas como referencia da que partir. Con todo, afirma estar moi satisfeita co resultado e agarda poder repetir máis a miúdo experiencias como a que lle ofreceu a Cidade da Cultura, de traballar fóra dos teatros.


Música, maxia e circo no ‘Nadal no Gaiás’


Tras o prendido das luces, a cantaora Marina Heredia e a Sinfónica de Galicia ofreceron no Museo Gaiás o seu primeiro concerto xuntos, no que interpretaron unha selección de cancións antigas españolas musicadas por Federico García Lorca e a obra El corregidor y la molinera de Manuel de Falla. Con esta actuación, a Cidade da Cultura deu comezo á súa programación do Nadal no Gaiás, con actividades para todos os públicos.
O Camiño de Santiago estará presente tamén nas tardes de maxia que a compañía Magia en La Manga trae ao Museo nas dúas últimas semanas de decembro, con obradoiros para nenas e nenos a partir de 6 anos de idade e o espectáculo Ilusións do Camiño. O broche final do Nadal no Gaiás virá da man de La Fiesta Escénica e o seu Circo de Nadal con animais animatrónicos, o día 3 de xaneiro. Ademais, a Cidade da Cultura recuperou este ano o seu tradicional concurso infantil de postais de Nadal, dirixido á cativada de 0 a 9 anos de idade.


Nadal en rede


Nestas datas volve tamén Nadal en Rede co seu programa de actividades para celebrar as festas en galego con concertos e teatro para todos os públicos. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da nova campaña deste programa, impulsado pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia para encher de actividades en galego o tempo de lecer das familias nestas datas. Este ano, e despois da paréntese causada pola crise sanitaria o pasado Nadal, chegará a 60 entidades desta rede con concertos e teatro para todos os públicos, pero especialmente para a cativada.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade expresou a súa satisfacción por “unha programación ampla, cultural e divertida, con grandes artistas que traballan en galego aos que, como sempre, queremos apoiar” e animou as familias “a facer actividades en galego este Nadal cos máis pequenos da casa e continuar despois felicitando estas festas no noso idioma, cantando e celebrando na lingua propia de Galicia”.

O secretario xeral estivo acompañado no acto, que tivo lugar este mediodía no compostelán Pazo de San Roque, polos artistas ou representantes destes que participarán no programa: Emilio Rúa, Verónica Rilo, María do Ceo, Óscar Ferreira, Érica Pereiro, Emilia Candal, Nacho Fungueiriño e Olga Kirk.

Desde hoxe e ata que remate o ano, a rede comeza a festexar o Nadal con actividades en lingua galega que pasarán polas catro provincias e que se completan cos recursos para celebrar as festas que a Xunta de Galicia comparte no Portal da Lingua Galega. A información completa de cada acción así como as datas e lugares pode consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia. O acceso será libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos.
 

Imaxes relacionadas