A Xunta de Expurgación aproba a retirada de preto dun millón de expedientes xudiciais para desconxestionar as instalacións xudiciais

A maioría corresponden aos xulgados de Vigo, tendo en conta que a nova Cidade da Xustiza entrará en funcionamento no vindeiro ano

Unha vez analizados os expedientes, procederase á publicación no Diario Oficial de Galicia dos acordos adoptados respecto das relacións documentais

O Plan de Expurgación da documentación xudicial de Galicia foi recoñecido co Premio á Calidade da Xustiza outorgado polo Consello Xeral do Poder Xudicial

O proceso permitiu localizar, entre outros documentos de valor, as comunicacións de nacemento de Maruja Mallo e Ramón Villar Ponte, ou o expediente do proceso a Santiago Casares Quiroga

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe na reunión da Xunta de Expurgación de Galicia, que abordou hoxe nunha sesión ordinaria a avaliación e aprobación da retirada de case un millón de expedientes xudiciais para desconxestionar as instalacións xudiciais.
Da documentación estudada, 820.000 expedientes -na súa maioría correspondentes a antigos xuízos de faltas- corresponden ao distrito xudicial de Vigo, coincidindo coa entrada en funcionamento da nova Cidade da Xustiza no vindeiro ano, unha vez rematadas as obras, que entraron xa na súa fase final.
Na orde do día, ademais da análise sobre o acordo relativo á conservación ou eliminación de expedientes informados polo departamento competente en materia de patrimonio cultural da Consellería de Educación e Cultura, abordouse a aprobación da publicación no DOG das relacións documentais correspondentes e afectadas polo proceso de expurgo.
Cabe salientar que o proxecto de Expurgo da Documentación Xudicial de Galicia foi recoñecido co Premio á Calidade da Xustiza outorgado polo Consello Xeral do Poder Xudicial como “referente” na busca da mellora da calidade do servizo público dunha xustiza accesible. Ademais, as actuacións levadas a cabo teñen permitido identificar expedientes de interese histórico para a súa conservación permanente.
Con anterioridade, durante tarefas similares de clasificación, ordenación e descrición de arquivos xudiciais, localizáronse as comunicacións de nacemento de Maruja Mallo e Ramón Villar Ponte, nos arquivos do xulgado de Viveiro, dando conta da importancia que gardan tamén os traballos de organización dos arquivos enmarcados no Plan de Expurgo da Administración de Xustiza.
Neses traballos previos atopouse tamén o expediente do proceso ao que fora presidente do Goberno de España na Segunda República, Santiago Casares Quiroga.

Proceso de expurgo

A Xunta impulsou a elaboración de normas de desenvolvemento para facer efectiva a organización e expurgo da documentación xudicial e dotou de persoal técnico aos 4 arquivos territoriais provinciais, ademais de elaborar unha aplicación informática para a xestión do ciclo de vida dos documentos e expedientes xudiciais, así como o control das pezas de convicción existentes. Estes traballos permitiron eliminar 100 toneladas de pezas de convicción, o que permite liberar espazo nas sedes xudiciais.
Grazas a todas estas actuacións, máis dun 1.200.000 expedientes – que equivalen a dez quilómetros lineais- foron transferidos á Xunta de Expurgación Xudicial e aos arquivos históricos provinciais.
A Xunta conta cun plan de expurgo na Administración de Xustiza co obxectivo de desconxestionar as instalacións xudiciais, organizar a documentación de forma que quede mellor ordenada e redundar nunha mellora na xestión diaria.
A Xunta de Expurgación está presidida polo presidente do Tribunal Superior de Xustiza -que poderá ser substituído por un maxistrado en activo que exerza función gobernamentais-, e dela forman parte tamén vogais da devandita entidade, ademais dun membro do Ministerio Fiscal, un funcionario da Dirección Xeral de Xustiza e un técnico/a superior especialista en arquivos e un secretario xudicial.

 

TOTAL CORUÑA
 
                   29.771
TOTAL LUGO
 
                 100.222
TOTAL PONTEVEDRA
 
                 823.243
TOTAL OURENSE
 
                   35.405
TOTAL
 
             988.641