Política Social participa no ‘Proxecto Somos’ da Fundación Igualarte, que conta coa colaboración de artistas como Antonio Orozco, entre outros

Salienta o labor que realiza a entidade viguesa na formación de persoas con discapacidade no ámbito das artes

Vigo, 17 de decembro de 2021

A Xunta amplía a súa colaboración coa Fundación Igualarte ao participar como patrocinadora no ‘Proxecto Somos’, nova iniciativa deste entidade na que un grupo de usuarios do seu centro ocupacional poñen música a cancións gravadas xunto a artistas como Antonio Orozco, Silvia Superstar ou Kaixo, entre outros.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, quen asistiu hoxe tanto á presentación como á propia gala desta iniciativa solidaria, destacou a importancia da labor que realiza Igualarte na formación de persoas con discapacidade cara un futuro profesional relacionado coas artes. Tamén apuntou que este tipo de propostas contribúen a darlle visibilidade e a valorar como se merecen o enxeño e creatividade destas persoas.

Así mesmo, González Abeijón puxo en valor o traballo que levan a cabo as entidades que traballan no ámbito da atención á discapacidade para mellorar o benestar e a calidade de vida deste colectivo, xa que lles axudan a desenvolver ao cen por cen as súas habilidades e capacidades.

Centro ocupacional

O centro ocupacional de Igualarte oferta desde xullo deste ano cinco novas prazas financiadas pola Xunta, ata chegar a un total de 19 prazas subvencionadas nestas instalacións e que supoñen un investimento de máis de 120.000 euros ao ano.
 

Imaxes relacionadas