Galicia supera por quinto ano consecutivo os 20.000M€ en exportacións a falta de dous meses para rematar 2021

Entre xaneiro e outubro, as vendas ao exterior da Comunidade non só se incrementaron en preto dun 23% con respecto a 2020, senón que supera os niveis previos á pandemia da covid-19 cunha suba de preto do 13% fronte ao mesmo período de 2019

Este importante incremento fai que Galicia logre a mellor balanza comercial de España en termos absolutos, mentres a nivel estatal continúa en números vermellos

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021

Galicia segue a recuperar os resultados positivos das súas vendas ao exterior, ata o punto de que xa logra, nos dez primeiros meses do ano, superar por quinto exercicio consecutivo, os 20.000 millóns de euros en exportacións.

En concreto, e tal e como amosan os últimos datos dispoñibles publicados hoxe polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, as exportacións galegas aumentaron, entre xaneiro e outubro, nun 22,8%, ata acadar os 20.600 millóns. Deste xeito, supéranse tamén os niveis previos á pandemia da covid-19 cunha suba de preto do 13% fronte ao mesmo período de 2019.

Ademais, a porcentaxe de incremento das exportacións da Comunidade nestes dez primeiros meses de 2021 sitúanse case dous puntos por riba da media estatal, que experimenta unha suba do 21,1%. Galicia é así a quinta comunidade cun mellor comportamento das exportacións no que vai de ano, e conta coa mellor balanza comercial, cun saldo favorable próximo aos 4400 millóns de euros entre as exportacións e as importacións contabilizadas entre xaneiro e outubro, mentres que en España a balanza continúa en números vermellos.

No que respecta aos datos interanuais de outubro, as vendas ao exterior aumentaron este mes un 65,4% con respecto a outubro do ano pasado, superando nesta ocasión os 3672 millóns de euros en exportacións nun mes. Deste xeito Galicia é a comunidade que experimenta un maior incremento das exportacións no décimo mes do ano, cunha suba case cinco veces maior que a media estatal. Así, no conxunto do Estado o crecemento neste mes con respecto ao mesmo período do ano pasado sitúase nun 13,6%.
No tocante ás empresas exportadoras, de xaneiro a outubro alcanzáronse as 8.347, o que supón un 29,5% máis que no mesmo período de 2019.
Pola súa banda, entre os sectores que están detrás do ascenso das exportacións no acumulado dos dez primeiros meses figuran a automoción, cun incremento do +13,1% con respecto ao ano pasado, o naval, cunha suba do +60,5%, e os metais e a industria metalúrxica, cunha suba do 49,5%.
Por países, todos os estados cos que o peso do comercio galego é significativo, aumentan, producíndose, no marco da Unión Europea, os maiores ascensos nos tres principais compradores: Francia (+10,1%), Portugal (+16,7%) e Italia (+34,4%).

O apoio da Xunta de Galicia

Na procura de acompañar este traballo das empresas no actual contexto e de contribuír á súa recuperación económica, a Xunta de Galicia ten activado unha nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025, unha folla de ruta coa que se busca facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial da Comunidade e que ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

Así, a Estratexia busca que as compañías galegas multipliquen por tres as exportacións a América do Norte, e dupliquen as súas vendas a América do Sur e Asia, ademais de incrementar en máis dun 25% as exportacións ao Reino Unido.

Para acadar ditas metas, a Estratexia contempla, como primeiro paso, un plan de acción inicial para o período 2021-2023 que suma máis de 70 millóns de euros para impulsar a recuperación económica do tecido empresarial galego tras a pandemia da covid-19. Un programa que se sustenta sobre catro piares: o fomento da innovación, a atracción de talento galego internacional, o acompañamento ao tecido empresarial e a difusión de casos de éxito.

Imaxes relacionadas