Preto de 5.000 persoas estudan portugués de forma oficial en Galicia, case cinco veces máis que cando entrou en vigor a Lei Paz Andrade

O secretario xeral de Política Lingüística presentou no Parlamento o informe anual de seguimento desta lei para o aproveitamento dos vínculos coa lusofonía

Entre os grandes fitos deste ano destacou a incorporación á Comunidade de Países de Lingua Portuguesa ou a entrada en vigor da Lei de Acción Exterior de Galicia

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021

Case 5000 persoas estudan portugués de forma oficial en Galicia ao abeiro das medidas postas en funcionamento pola Xunta en cumprimento da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida comunmente como Lei Paz Andrade. Así o constatou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que compareceu hoxe a petición propia na Comisión 4ª do Parlamento para dar conta do informe anual de seguimento do cumprimento desta lei, tal como establece a propia normativa no seu artigo 5º.

Segundo os datos reportados, 3897 alumnos de ESO e Bacharelato, pertencentes a 75 centros educativos de toda a comunidade, estudan portugués como primeira ou segunda lingua estranxeira neste curso 2021-22. A cifra supón 482 estudantes máis que o pasado curso e un incremento de 3036 en relación ao exercicio 2014/15, cando entrou en vigor dita lei a prol dos vínculos coa lusofonía. A este dato, tal e como sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, cómpre sumarlle os 1021 alumnos que estudan lingua portuguesa nalgunha das escolas oficiais de idiomas, alcanzando un total de 4913 estudantes da lingua veciña de forma oficial.

Ademais, dentro do xa lonxevo marco da colaboración entre a Xunta e o Instituto Camões, este 2021 empezouse a implantar nos centros de Secundaria o programa Camões Júnior, mediante o cal o alumnado de ESO e Bacharelato pode realizar en liña o exame homónimo. Tal e como explicou Valentín García na súa intervención, trátase dunha proba que permite avaliar a competencia global da rapazada na lingua portuguesa e obter o nivel de competencia correspondente no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER), desde o A1 ata o B1. O IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, foi o primeiro dos centros galegos en realizar estas probas, cuxos diplomas foron entregados o pasado novembro.
“Por outro lado, desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén impulsamos outras actividades de formación en linguas estranxeiras, entre as que está presente o portugués”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística. Así, entre as iniciativas mencionadas está o programa PIALE, que prevé unha formación en lingua portuguesa para 35 docentes neste curso; ou os programas AXUDASLE ou CUALE, dirixidos á formación para o alumnado.

Normativa aprobada

Entre os fitos alcanzados polo Goberno galego, Valentín García destacou o impulso á candidatura de España para formar parte como Observador Asociado da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP). “O pasado mes de xullo aprobouse a entrada do noso país tras un período de case tres anos de contactos nos que a Xunta de Galicia elaborou todos os documentos esixidos por esta comunidade que representa a preto de 300 millóns de persoas en todo o mundo”, subliñou.

Neste senso, tamén destacou a publicación no Diario Oficial de Galicia da primeira lei fundamental para as relacións exteriores da comunidade, que dedica todo un título á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ou a aprobación do Plan de investimentos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal 2021-2027. “Este é un importante instrumento de colaboración que pretende avanzar na tracción demográfica, enerxética e dixital da Eurorrexión”, engadiu García.

Compromiso da CRTVG

Para rematar, o representante da Administración galega tamén fixo balance do labor feito pola Televisión de Galicia dando continuidade aos compromisos adquiridos a prol do establecido neste texto legal. Así, explicou, que neste 2021 a canle autonómica estreou a segunda tempada da serie Auga seca, emitida tanto na TVG como na Rádio e Televisão de Portugal (RTP).

Tamén se puxeron en marcha iniciativas como a sección Apuntamento lusófono dentro do proxecto #DigochoEu, con conversas entre Esther Estévez e o actor portugués Rodrigo Paganelli, creouse unha sección dedicada ás noticias do país luso no portal de noticias G24.gal e emítese cada fin de semana un partido da liga portuguesa na segunda canle.

Imaxes relacionadas