O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe no acto de entrega de diplomas aos participantes desta iniciativa en Ourense

A Xunta sinala a importancia do programa 'Acceder' na inserción laboral da poboación xitana

O Goberno galego destina axudas por un valor de 173.000 á Fundación Secretariado Gitano para a posta en marcha de programas que fomenten a súa inserción

Ourense, 17 de decembro de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, sinalou hoxe a importancia do programa Acceder na inserción laboral da poboación xitana. Esta mañá participou no acto de entrega de diplomas aos participantes desta iniciativa en Ourense, onde agradeceu á Fundación Secretariado Gitano a súa implicación e traballo na procura dun mundo máis xusto.

O Goberno galego colabora con esta entidade a través dun convenio e da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF. En total, achega axudas por valor de 173.000 que permiten a posta en marcha de programas como Acceder, para a formación e inserción da poboación xitana; Promociona, para axudar ao alumnado en estudos posobrigatorios ou Empregando, dirixido a mozos menores de 30 anos que queren mellorar as súas habilidades para acceder ao mundo laboral.

O director xeral apuntou que unha Galicia sen prexuízos é posible, pero necesita da implicación de toda a sociedade. Ademais, puxo en valor o traballo de entidades como a Fundación Secretariado Gitano que, ademais de eliminar estereotipos, axudan a que os xitanos teñan máis facilidades para formarse e mellorar as súas habilidades de cara á inserción laboral.

Imaxes relacionadas