O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou no 8º Foro Next Generation Galicia-Sector Agroalimentario

A Xunta urxe ao Goberno a convocar o Perte agroalimentario ao que Galicia presentará proxectos que suman máis de 1000M€ e 4000 empregos

A Administración autonómica pon en marcha xunto con Clusaga unha oficina técnica encargada de informar e asesorar ás empresas e avanzar así na candidatura galega

Sinala que en Galicia hai unha “vocación clara por parte do sector agroalimentario de mellorar a súa competitividade e sustentabilidade” e pide ao Ministerio de Industria que se axilicen as convocatorias nun momento no que hai “capacidade investidora”

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, que participou hoxe na Cidade da Cultura no 8º Foro Next Generation Galicia-Sector Agroalimentario, urxiu ao Goberno a proceder canto antes á convocatoria do Proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (PERTE) vinculado a esta industria esencial para Galicia.

Conde fixo fincapé en que Galicia conta neste eido cunha “candidatura sólida”, con proxectos que xa suman un investimento de 1000 millóns de euros e que poden supor a creación de 4000 empregos. “Estamos intentando trasladar ao Ministerio de Industria a importancia de que se poidan axilizar as convocatorias”, sinalou na súa intervención, ao tempo que engadiu a importancia de que as empresas poidan acceder a estes fondos “nun momento no que hai unha clara capacidade investidora”.

O vicepresidente económico asegurou que desde o Ministerio de Industria, “onde teñen o 100% dos fondos en materia industrial”, non se ten executado “un só euro“desde o comezo do mecanismo de recuperación e resiliencia, e reiterou a necesidade de que se convoque canto antes o Perte agroalimentario. Do mesmo xeito reclamou “que estableza criterios que nos poñan en igualdade de condicións no conxunto do territorio” para que os proxectos maduros cos que conta Galicia poidan ter unha resposta e poder tamén cumprir cos prazos fixados pola Unión Europea.

O responsable de Economía, Empresa e Innovación apuntou que en Galicia hai unha “vocación clara por parte do sector agroalimentario de mellorar a súa competitividade e sustentabilidade”, subliñando que a dixitalización e a seguridade alimentaria serán tamén relevantes no Perte.

“Imos traballar conxuntamente nesta colaboración público-privada que entendemos que é a mellor maneira de utilizar os fondos europeos de cara a futuro”, remarcou o vicepresidente económico, quen anunciou que a Xunta e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) poñen en marcha unha oficina técnica que será a encargada de informar e asesorar ás empresas galegas do sector para así avanzar na candidatura galega.

A nova oficina técnica facilitará o desenvolvemento de distintas accións, actuando como observatorio dos programas que se convoquen a nivel estatal e europeo e identificando as oportunidades e definindo os proxectos tractores e singulares compatibles con diferentes programas e liñas. Tamén prestará asistencia e soporte ás empresas e entidades na preparación, tramitación e presentación de propostas de interese, apoiando a súa tramitación técnica e administrativa e facendo un seguimento e avaliación dos proxectos levados a cabo.


Business Factory Food


Esta colaboración público-privada materialízase tamén na aceleradora Business Factory Food (BFFood), que contará con tres novas edicións ata 2024, tal e como aprobou onte o Consello da Xunta. Esta iniciativa está permitindo acelerar e consolidar compañías innovadoras na cadea de valor do sector, apoiando ata a data 34 proxectos.
Os proxectos da candidatura galega abranguen toda a cadea de valor da industria agroalimentaria, desde a agricultura, a gandeiría e a pesca, ata a loxística externa e a distribución, incluíndo a transformación, e favorecendo especialmente ás pemes. O obxectivo é consolidar o rural a través dunha verdadeira cohesión social e territorial.

No encontro celebrado hoxe, no que estiveron presentes representantes das consellerías do Medio Rural e do Mar, participaron tanto de xeito presencial como telemático empresas tractoras, pemes e asociacións do sector e do ámbito da distribución. Así, a reunión contou con Cafés Candelas, Viña Costeira, Congalsa, Coren, Calvo Conservas, Hijos de Rivera, Jealsa Conservas Rianxeira, Vegalsa, Gadisa, Grupo Lence, Larsa (Capsa), Bodegas Martín Códax, Nueva Pescanova, Coesco Deza, Ceamsa, Dairylac, Dismark, centros tecnolóxicos como Anfaco-Cecopesca e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim), ademais de Clusaga.

Imaxes relacionadas