A Xunta ten en marcha o Plan de vialidade invernal con 100 profesionais e 6 centros operativos para garantir a seguridade nas vías lucenses

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que o dispositivo está activado entre os meses de novembro e abril para facilitar a mobilidade nos case 1.500 quilómetros de vías autonómicas da provincia cando a climatoloxía é desfavorable

No que vai desta tempada xa se esparexeron 744 toneladas de sal e 128.000 litros de salmoira en xornadas nas que se rexistraron nevaradas e xeadas

O Incio (Lugo), 17 de decembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten activado desde o 1 de novembro o Plan de Vialidade Invernal para facer fronte aos fenómenos de chuvias intensas, nevaradas ou xeadas características desta época do ano e garantir unha circulación segura nos case 1.500 quilómetros de estradas de titularidade autonómica en Lugo.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, informou hoxe no Incio sobre o dispositivo despregado este ano, que conta con seis centros operativos; 15 silos e puntos de acopio repartidos por todas as áreas da provincia nos que hai dispoñibles 1.700 toneladas de fundentes -sal e salmoira- e 18 máquinas quitaneves para retirar neve ou xeo, equipadas con medios de empuxe (folla ou cuña) e con esparexedores de fundentes.

O plan desenvolverase ata o 30 de abril e dispón dun centro operativo na Zona Sur, situado no Incio, con subcentros en Monforte de Lemos e Lugo; e outro na Zona Norte, en Xermade, que ten subcentros en Mondoñedo e no Cádavo. Arredor dun cento de profesionais están traballando nestas operacións.

Arias explicou que o plan de acción recolle un conxunto de medidas preventivas para anticiparse aos contratempos que se poidan producir e tamén paliativas, para reforzar a seguridade viaria ante situacións meteorolóxicas desfavorables. O delegado fixo fincapé en que se presta especial atención ás estradas autonómicas que, pola súa altitude, son máis susceptibles de rexistrar incidencias por neve ou xeo.

“Este ano as inclemencias do tempo obrigaron a intervir incluso antes que a tempada pasada”, dixo Arias, quen explicou que entre novembro e o que vai de decembro lévanse empregado 744 toneladas de sal e 128.000 litros de salmoira en diferentes xornadas nas que foi preciso despexar estradas afectadas por nevaradas e xeadas ou aplicar tratamentos preventivos.

O delegado tamén fixo balance da anterior campaña desenvolvida pola Xunta en Lugo -entre novembro de 2020 e abril deste ano-, que tivo un investimento de case 1,2 millóns de euros (1.192.000 euros) para dispor dos medios materiais e humanos precisos co fin de velar pola seguridade do tráfico ante o mal tempo. Ao longo dos seis meses nos que estivo operativo o plan, empregáronse 3.172 toneladas de sal máis 978.000 litros de salmoira.

Imaxes relacionadas