A Xunta remata as obras de mellora da seguridade do Camiño Norte no cruce coa estrada LU-133 en Ribadeo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado dos traballos, nos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu 22.000 euros

Forman parte das 70 actuacións programadas en Galicia en puntos de confluencia entre as rutas xacobeas e as vías autonómicas, cun investimento total de 1,4 millóns de euros

Ribadeo (Lugo), 17 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia vén de rematar as obras de mellora da seguridade do Camiño Norte no cruce coa estrada LU-133 (Reme-Vilamar) en Ribadeo, no punto quilométrico 13,6. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos, que contaron cun orzamento de 22.000 euros.

Neste punto construíuse unha pasarela de madeira de 2 metros de ancho que discorre paralela á estrada nun tramo en curva. Ademais, instaláronse novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a desenvolver un plan de mellora da seguridade das rutas xacobeas nas zonas de confluencia coas estradas autonómicas; destina en conxunto un investimento de 1,4 millóns de euros para executar 70 actuacións, 36 delas na provincia de Lugo. En concreto, neste Camiño Norte fixa intervencións nas estradas LU-133 e LU-132 ao seu paso polos concellos de Ribadeo, Trabada e Lourenzá.

Arias afirmou que “o Goberno galego traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso”.

Imaxes relacionadas