Galicia e Cataluña colaboran no estudo das fontes de ruído submariño dentro do proxecto Silencio

O obxectivo desta iniciativa é ampliar o coñecemento existente sobre o ruído mariño nas zonas de importante actividade pesqueira e establecer as bases para minimizalo

Os estudos que se están levando a cabo cun hidrófono da comunidade galega situado na plataforma que o Observatorio Oceanográfico Transfronteirizo RAIA ten en Cortegada esténdense a Cataluña coa colocación doutro similar nas instalacións do observatorio Obsea en Vilanova i la Geltrú

Vigo, 16 de outubro de 2021

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, traballa xunto co observatorio submariño Obsea da Universitat Politécnica de Catalunya no proxecto Silencio para ampliar o coñecemento existente sobre o ruído mariño nas zonas de importante actividade pesqueira e establecer as bases para minimizalo.
Con ese obxectivo, os estudos que se están levando a cabo na comunidade autónoma galega, cun hidrófono situado na plataforma que o Observatorio Oceanográfico Transfronteirizo RAIA ten en Cortegada, esténdense agora a Cataluña coa colocación dun hidrófono similar nas instalacións de Obsea en Vilanova i la Geltrú.
Deste xeito, os técnicos do proxecto Silencio poderán comparar os rexistros de ruídos submariños obtidos nos próximos meses en ambas zonas. Estes rexistros serán procesados a través dun visor desenvolvido no marco do proxecto Silencio e que será presentado polo Cetmar nos próximos meses nun evento de difusión de resultados.
Os investigadores do proxecto estudarán ademais as posibilidades de mellorar a ferramenta deseñada polo Grupo de Tecnoloxía Multimedia da Universidade de Vigo para a detección automática de ruídos de embarcacións e cetáceos mariños.
O proxecto Silencio realízase coa colaboración da Fundación Biodiversidade do Goberno central a través do Programa, Pleamar financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e a Fundación Biodiversidade. Nel analizarase a viabilidade de incorporar a propulsión eléctrica en embarcacións pesqueiras de pequena escala para avanzar na redución da pegada de carbono no sector pesqueiro e da contaminación acústica.
Todas estas actuacións estanse desenvolvendo da man do sector pesqueiro contribuíndo a fortalecer o seu compromiso con este obxectivo e avanzar na práctica dunha actividade sustentable nos ámbitos medioambiental, económico e social. Ademais o proxecto Silencio permite reforzar a colaboración do Cetmar e dos observatorios RAIA e Obsea de cara a novas iniciativas relacionadas con este ámbito.

Imaxes relacionadas