O titular da Xunta participou na homenaxe ao que fora conselleiro de Facenda e Administración Pública

Feijóo lembra a Valeriano Martínez como un dos galegos que máis traballou pola consolidación da Administración autonómica

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou este mediodía a figura de Valeriano Martínez, a quen lembrou como un “empregado público exemplar”, e de quen destacou o mérito de ser un dos galegos que máis traballou pola consolidación da Administración autonómica “na que cría ao mil por cento”.

Ao longo da súa emocionada intervención, o titular do Executivo galego louvou a valía persoal e profesional do que fora conselleiro de Facenda e Administración Pública, nunha homenaxe “tan sentida como modesta”. Destacou del que coidaba a solvencia do país “porque non hai país sen ser solvente” e que cría na reputación de Galicia porque “sen boa reputación non hai país”.

O acto celebrouse nos xardíns do edificio administrativo de San Caetano, que el vía cada día desde o seu despacho, e consistiu nunha ofrenda floral, a interpretación dunha peza musical e do Himno Galego, ademais de descubrir unha placa conmemorativa na súa honra.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta