A iniciativa Días Azuis do Comercio Galego mobilizou máis de 1,2M€ na provincia da Coruña

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou no establecemento coruñés Pilar y Carmen na entrega simbólica dos premios correspondentes ás dúas edicións celebradas en 2021 desta campaña na que colaboran a Xunta, a Federación Galega de Comercio e Abanca

O compromiso da Administración autonómica co sector seguirá presente de cara ao vindeiro ano, para continuar avanzando en eidos como a transformación dixital e a modernización dos establecementos
 

A Coruña, 16 de decembro de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe no establecemento coruñés Pilar y Carmen na entrega simbólica dos premios correspondentes á provincia nas dúas edicións da campaña Días Azuis do Comercio Galego celebradas neste 2021, que tiveron lugar entre o 7 e o 30 de xuño e entre o 1 e o 20 de novembro, respectivamente. A iniciativa, organizada pola Federación Galega de Comercio coa colaboración da Xunta e Abanca, contou cunha alta participación, rexistrándose máis de 64.200 participacións na provincia da Coruña, o que permitiu mobilizar un volume de facturación superior aos 1,2 millóns de euros para o sector.

Días Azuis do Comercio Galego, que chegou este ano á súa oitava edición, ten como obxectivo principal dinamizar as vendas no comercio de proximidade galego e premiar a fidelidade dos clientes. En total este ano repartíronse 26.000 euros en premios no conxunto de Galicia.

No eido da dinamización comercial, a Xunta tamén puxo en marcha este ano o Bono Activa Comercio, unha campaña deseñada en colaboración coa Federación Galega de Comercio para fomentar o comercio de proximidade e apoiar a recuperación do sector. Grazas a esta iniciativa acadouse unha mobilización de preto de 9,5 millóns de euros en vendas nos establecementos de proximidade da provincia da Coruña. O compromiso da Xunta co sector seguirá presente de cara ao vindeiro ano, con medidas específicas en eidos como a transformación dixital e a modernización do comercio de proximidade ou os modelos de negocio que aposten pola sostibilidade, o emprego mozo e a economía circular.

Imaxes relacionadas