A Xunta recibe as ofertas de 16 empresas para executar as obras de ampliación da rede de saneamento de Coirós cun investimento de 808.000€

Executaranse 16 novos tramos de colectores e unha estación de bombeo para sanear os núcleos de Agra-Figueiras, en Santa Mariña de Lesa, e de Colantres e Queirís, conectando estas novas redes de saneamento coas xa existentes

As intervencións, cun prazo de 8 meses, darán servizo a unha poboación total futura de 509 habitantes

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021

A Xunta recibiu as ofertas de 16 empresas para executar as obras de ampliación da rede de saneamento do municipio, cun investimento de máis de 808.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80%, ademais de levar a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras. O Concello de Coirós contribuirá ao financiamento do 20% restante, ademais de asumir a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Os traballos teñen un prazo de execución de oito meses e serán financiados pola Unión Europea, no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

Na actualidade existe unha rede de saneamento en Agra-Figueiras, Colantres e Queirís que non cobre a totalidade dos núcleos, limitándose, esencialmente, á marxe esquerda da estrada N-VI en sentido A Coruña. Ademais, conta con estacións de depuración de augas residuais nos núcleos de Colantres e de Queirís, onde se conectarán os novos colectores deses núcleos; así como cunha terceira depuradora de augas residuais no núcleo de Merille á cal se conectará a rede de saneamento de Agra-Figueiras.

A actuación prevista contempla as obras necesarias para sanear os núcleos de Agra-Figueiras, en Santa Mariña de Lesa, e de Colantres e Queirís, na parroquia de San Salvador de Colantres, conectando estas novas redes de saneamento coas xa existentes.

A intervención proxectada céntrase na ampliación da rede de saneamento en Coirós, para o que se prevé a execución de 16 novos tramos de colectores, con diámetro 250 mm. Tamén se prevé a construción dunha estación de bombeo para recoller e impulsar as augas residuais urbanas de Agra-Figueiras.

Con estas obras darase servizo a unha poboación total futura de 509 habitantes no horizonte de 2043.