Lete Lasa asegura que o éxito da liga Xunta de Breaking é o acicate perfecto para o Plan de deportes urbanos de Galicia

Na presentación da última xornada da Liga Xunta de Galicia de Breaking e do ‘Break Storming– Trofeo Xacobeo 21-22’, que contan co patrocinio do Goberno galego

Vigo, 16 de decembro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou esta mañá na Casa do Deporte a última xornada da Liga Xunta de Galicia de Breaking e do ‘Break Storming– Trofeo Xacobeo 21-22’. Nas súas verbas, Lete Lasa destacou a importancia dunha disciplina como o breaking, que xa foi recoñecida como especialidade deportiva en Galicia o pasado mes de marzo, procedéndose despois á constitución da Liga Xunta de Galicia de Breaking, da man da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que conta con 10 competicións en distintas localidades galegas.
O vindeiro domingo en horario de 16,00 a 21,00 horas, Vigo será agora a súa última etapa tras contar cun total de 62 participantes nas súas dúas categorías -iniciación e avanzada-, sendo o 57% dos participantes da categoría de iniciación unha participación feminina. Lete Lasa destacou ademais a xuventude dos participantes e destacou as figuras de Alicia Babarro, que con dez anos é a primeira no ranking de iniciación sen perder unha batalla e de David Amor, que con 14, é terceiro no ranking de categoría avanzada.
Para o secretario xeral, o deporte galego debe camiñar da man das demandas dos mozos e mozas que practican actividade física, polo que sinalou que os deportes urbanos están a ter unha grande repercusión nos últimos anos. Tanto é así que o break dance será deporte olímpico en París 2024 xunto ao basket 3x3, a escalada ou o skate. Lete Lasa lembrou a decidida aposta da Xunta de Galicia polo Marisquiño, que este ano aumentou os seus esforzos nun 70% ata chegar aos 200.000 euros e tamén asegurou que o éxito desta Liga Xunta de Galicia de Breaking será o acicate perfecto para o Plan Director de Deportes Urbanos de Galicia do que asegurou ser importante para “situar a Galicia na vangarda destas novas expresións deportivas, así como fidelizar á xuventude ou fortalecer a práctica mixta e feminina”.
Ademais da última xornada da Liga Galega de Breaking, a Casa do Deporte viguesa acolleu a presentación do ‘Break Storming – Trofeo Xacobeo 21-22’ promovida pola Secretaría Xeral para o Deporte e que terá lugar o vindeiro sábado en horario de 10,00 a 14,00 horas para as categorías Sub-18 e de 16,00 a 21,00 horas para a categoría Absoluta. Esta competición é unha proba puntuable para o ranking nacional e espérase unha alta participación tanto de deportistas galegos como doutros practicantes de breaking achegados desde diferentes puntos da península.
Na presentación tamén participaron o xerente de Vella Escola -produtora dos eventos- Pablo Castiñeira e o bailarín de breaking e xurado dos eventos, Francisco Javier Meana que realizou unha exhibición.

Imaxes relacionadas