Conde salienta que a biotecnoloxía xogará un papel clave na transformación dixital e ecolóxica do tecido produtivo galego

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou de xeito telemático na entrega dos IX Premios Bioga, organizados en Santiago polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida

Galicia é a segunda comunidade máis bioemprendedora e para seguir avanzando neste eido a Estratexia de consolidación do sector prevé mobilizar 660 millóns de euros entre 2021 e 2025, impulsando a creación de 500 novos empregos

Ceamsa, do Porriño, KeyBiological, de Vigo, e Celtarys Research, de Santiago de Compostela, foron as compañías que obtiveron os galardóns

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe, durante a súa participación de xeito telemático na entrega dos IX Premios Bioga, que a biotecnoloxía terá un papel clave na transformación do tecido produtivo galego, impulsando a innovación e o crecemento empresarial en sectores tan relevantes como o primario e o sanitario.

Na súa intervención, Conde sinalou que o ecosistema biotecnolóxico que se está impulsando en Galicia “está permitindo afrontar proxectos importantes para superar a pandemia e para acelerar a transición ecolóxica e dixital”, e polo tanto “asumir retos importantes como a loita contra o cambio climático e a promoción dun modo de vida máis saudable”.

O responsable de Economía, Empresa e Innovación destacou que este ano se presentaron 14 candidaturas aos premios Bioga, un feito que, segundo subliñou, “constata que Galicia está neste momento como a segunda comunidade máis bioemprendedora de España”.

Para seguir avanzando neste eido, está en marcha a Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico 2021-2025, en colaboración con Bioga. Esta folla de ruta prevé triplicar os investimentos nos próximos catro anos, mobilizando 660 millóns de euros; xerando 60 novas empresas; 500 novos empregos e 250 investigadores incorporados ao ecosistema galego de I+D+i.

Conde, que tamén apuntou que os fondos europeos Next Generation van “abrir novas oportunidades que debemos aproveitar todos xuntos”, remarcou que “temos unha estratexia e temos un obxectivo compartido para que a biotecnoloxía teña un papel protagonista dentro deste proceso de transformación”.

Así, indicou que para a Xunta de Galicia é “fundamental ir da man de todo o sector”, sinalando que “a colaboración público-privada ten que marcar a folla de ruta, e sobre todo centrar a estratexia non só no coñecemento senón tamén na pegada industrial, consolidando proxectos industriais no territorio”.

O vicepresidente económico felicitou aos gañadores, concluíndo que “o éxito dos vosos proxectos será tamén o éxito de Galicia”. O xurado elixiu como a Empresa Biotech máis Competitiva 2021 á Compañía Española de Algas Marinas (Ceamsa), con sede no Porriño. KeyBiological, unha startup biotecnolóxica ubicada en Vigo especializada na innovación no uso do ozono, logrou o galardón de Empresa Biotech Máis Innovadora 2021, mentres que o premio á Mellor Idea Empresarial Biotech 2021 foi concedido a Celtarys Research (Santiago de Compostela), que desenvolve unha nova tecnoloxía de conxugación química que permite o deseño e síntese de sondas fluorescentes para calquera diana e para o seu uso no proceso de descubrimento de fármacos.