A Xunta apoia á peme Ayeconomics Research Centre con 32.000€ para incorporar o deseño aos seus procesos produtivos

O delegado da Xunta visitou a instalacións desta spin-off da Universidade de Santiago de Compostela beneficiada pola orde de axudas DeseñaPeme

Esta convocatoria, que mobiliza ao redor de 3M€ en toda Galicia, permite mellorar a capacidade de innovación e sustentabilidade das pemes e microempresas

Enmárcase dentro do novo Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 e o seu obxectivo é apoiar proxectos de deseño de produtos, servizos, experiencias, marcas e identidade corporativa

A incorporación do deseño á estratexia empresarial repercute positivamente en factores coma o volume de vendas, a penetración no mercado, a internacionalización e a fidelización do cliente

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, Ayeconomics Research Centre, beneficiada pola orde de axudas de DeseñaPeme que ten por obxectivo apoiar ás pemes e as microempresas para que incorporen o deseño aos seus procesos produtivos.

O representante do Goberno galego, coñeceu de primeira man a proposta desta empresa, que conta cun apoio da Xunta de máis de 32.000 euros, entre os anos 2021 e 2022, para levar a cabo o deseño como parte integral da innovación do produto que a empresa está realizando a través de Smart-Tio, unha ferramenta de avaliación de políticas baseada no uso da análise input-output para a toma de decisións. Esta ferramenta permite simular efectos socioeconómicos e ambientais a partir de shocks económicos, favorecendo a predicción e a cuantificación dos efectos das políticas para evitar perdas en termos monetarios, sociais e ambientais.
Trenor explicou que DeseñaPeme é a primeira liña de axudas específicas para que as microempresas e pemes galegas poidan mellorar a súa capacidade de innovación e sustentabilidade a través da incorporación e a xestión do deseño estratéxico. A través dun investimento público de preto de 1,5M€, o Goberno galego apoia 25 proxectos en toda Galicia que mobilizan 2,95 millóns de euros.
Esta nova iniciativa, promovida pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), enmárcase dentro do novo Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 e fará posible 86 contratos –16 novas contratacións e mantemento de 70 postos de traballo cualificados–.
Os proxectos beneficiarios de DeseñaPeme 2021 están aliñados coas prioridades establecidas na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia en tres modalidades concretas: deseño de produtos novos ou redeseños dos xa existentes (16); iniciativas para o deseño ou redeseño de servizos e experiencias (4); e deseños de marca e identidade corporativa que lle presten unha especial atención aos valores sustentables e innovadores (5).
En total, foron 24 as empresas que resultaron beneficiarias –unha delas obtivo axudas por dous proxectos distintos–, das cales 12 son microempresas, 9 son pequenas empresas e 3 medianas. Por sectores, a maioría de proxectos pertencen a bens de equipo e maquinaria, con cinco iniciativas, ao que seguen o agroalimentario (catro), servizos profesionais (catro), automoción (tres), construción (dous), téxtil e confección (dous) e pesqueiro e acuicultura, comercio, educativo e madeira e moble con un en cada caso.
Mediante estas axudas, a Xunta quere contribuír a que o deseño estratéxico se converta nun elemento relevante e habitual na planificación, nos procesos e no modelo de negocio das empresas galegas, impulsando a súa capacidade innovadora e a súa competitividade no mercado global, aumentando o volume de vendas e a penetración no mercado, a súa internacionalización, propiedade industrial, diferenciación, imaxe percibida e recoñecemento de marca e fidelización do cliente.

Imaxes relacionadas