O plan da Xunta para as universidades galegas mobilizará 3.200 M€ durante os próximos 5 anos, o financiamento universitario máis ambicioso da historia de Galicia

Feijóo salienta que o plan 2022-2026 reforza a investigación ao dedicarlle un 41% máis de fondos ata os 400 millóns de euros

Avanza que se inclúe por primeira vez un subfondo centrado no plan de viabilidade financeira para fomentar actuacións de mellora en aspectos concretos das universidades

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe, en rolda de prensa, que o plan da Xunta para as universidades galegas mobilizará 3.200 millóns de euros durante os próximos 5 anos, no marco do Plan de Financiamento Universitario “máis ambicioso da historia de Galicia”.

Logo de explicar que o investimento destinado ás universidades supón un 30% máis que o previsto inicialmente no plan 2016-2020, Feijóo avanzou que 468 millóns de euros xa están comprometidos nos orzamentos de 2022. A esa cantidade hai que engadir os 4,5 millóns aprobados hoxe no Consello para a mellora enerxética de facultades e edificios dos campus galegos.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta puxo en valor que no plan 2022-2026 “reforzamos a investigación ao dedicarlle un 41% máis de fondos ata os 400 millóns de euros”.

Ademais, mellórase o subfondo para gasto corrente e mantemento de infraestruturas ao dotalo de 28,3 millóns de euros para reformas ou ampliación de edificios.

E, a maiores, inclúese por primeira vez un subfondo centrado no plan de viabilidade financeira, cuxo propósito é fomentar actuacións de mellora en aspectos concretos das universidades. .

Para concluír, o titular do Goberno galego incidiu en que este plan ten como obxectivo “seguir insistindo nunha universidade competitiva onde se faga investigación, docencia innovadora e transferencia á sociedade.

Imaxes relacionadas