O conselleiro do Medio Rural presidiu a entrega dos premios Exceleite 2021, no marco da I Mostra de Calidade Alimentaria organizada polo Goberno galego no Pazo de Quián

A futura Lei da calidade alimentaria da Xunta apostará pola produción excelente de proximidade, san e sustentable que sempre distiguiu a Galicia

Neste acto, José González trasladou que esta norma entrará no Parlamento no vindeiro ano 2022 e salientou que supón “a nosa aposta definitiva pola calidade, pola singularidade e pola diferenciación”

Defendeu que a Xunta actúa como o “acelerador do motor” que representa o lácteo “para a Galicia que vén”, impulsando medidas como a Estratexia sectorial e, dentro dela, a aplicación Conta Láctea ou a formación empresarial dos gandeiros

Boqueixón (A Coruña), 16 de decembro de 2021

“A futura Lei da calidade alimentaria será a panca na que asentemos a produción de proximidade, a produción san e sustentable e a produción de calidade que sempre distinguiu a Galicia no ámbito gastronómico”. Así o defendeu hoxe o conselleiro do Medio Rural no acto de entrega da quinta edición dos premios Exceleite 2021, que recoñecen ás explotacións galegas senlleiras de vacún de leite e avalan a excelencia hixiénico-sanitaria dos produtores de leite cru de vaca.

Neste acto, enmarcado dentro da I Mostra de Calidade Alimentaria organizada pola Xunta e que se desenvolve ata mañá venres no Pazo de Quián, en Sergude (Boxeixón), o conselleiro trasladou que a devandita lei entrará no Parlamento no vindeiro ano 2022 e supón -salientou- “a nosa aposta definitiva pola calidade, pola singularidade e pola diferenciación”. Nesta liña, José González destacou que a calidade constitúe, de feito, “unha das liñas estratéxicas máis importantes para a Consellería do Medio Rural” porque -indicou- “todas as nosas accións se basean, en maior ou menor medida, na calidade”. Así, referiuse á calidade como sinónimo de Galicia, do produto e da maneira de producir e mesmo de como debe formarse cada unha das persoas que xa traballan ou que queren traballar no sector primario.

Galicia Etiqueta Calidade

En relación con este eido, cómpre lembrar que onte mesmo se presentaba, no marco desta I Mostra, a campaña Galicia Etiqueta Calidade, na que a Xunta investirá 700.000 euros para divulgar a excelencia da despensa da nosa comunidade. Esta iniciativa engloba, entre outras marcas, o leite certificado baixo o selo Galega 100% e os queixos galegos con denominación de orixe, que amparará, así mesmo, a nova sección Galicia Calidade Alimentaria. Este selo, que tamén foi presentado onte, englobará produtos alimentarios con excelencia recoñecida e afondará na súa promoción.
Neste contexto, o titular de Medio Rural quixo tamén recoñecer e agradecer aos gandeiros galegos en xeral e aos galardoados neste acto en particular, polo “encomiable labor que desenvolven nun eido produtivo fundamental da economía agraria de Galicia”. Un labor, engadiu, co que fan posible que o leite galego sexa “o mellor que podemos darlle aos nosos fillos e fillas, o leite que nos fai crecer como galegos”.

Estratexia do lácteo

Do mesmo xeito, o conselleiro -que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros- afirmou que “o lácteo é un sector motor da Galicia que vén” e que por iso a Xunta “actúa como o acelerador dese motor” con diferentes medidas, entre as que destacou a Estratexia de dinamización do sector. Esta planificación, sinalou González, foi o resultado dun intenso proceso participativo e o seu principal obxectivo é o de “consolidar –aínda máis– o sector lácteo galego a través da súa profesionalización e da mellora da súa rendibilidade, así como da defensa da calidade dos nosos produtos lácteos por enriba da cantidade”.

Neste mesmo sentido, lembrou que Galicia xa é a principal comunidade produtora de leite en España e atópase entre as dez primeiras rexións lácteas de toda Europa e salientou que mesmo “con independencia do tamaño, estamos –ademais– entre as primeiras en calidade de produto”. Por iso, remarcou, “somos cada vez máis competitivos no mercado, máis sustentables na produción e máis resilientes na práctica”.

Tamén, como parte integrante desta Estratexia, o conselleiro puxo en valor a formación empresarial orientada a mellorar a posición negociadora dos gandeiros e neste sentido lembrou que “todo gandeiro é empresario”. Así mesmo, fixo referencia a Conta Láctea, a aplicación informática creada ao abeiro desta planificación e que permite aos produtores levar a contabilidade das súas explotacións e polo tanto ser máis efectivos na negociación do prezo do leite.

Da mesma maneira, José González destacou a aposta da Xunta pola captación de investimento industrial en Galicia. Algo que se plasma mediante o programa de accións de promoción en países obxectivo, co fin de potenciar a nosa comunidade como plataforma de investimento no sector lácteo, e tamén coa ferramenta do mapa de solo empresarial de Galicia, para procurar zonas de produción gandeira, con boa dotación e acceso a infraestruturas e servizos.

Neste punto, o conselleiro referiuse á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que -salientou- permitirá dotar a todo aquel que o demande de terra produtiva, potenciando a remuda xeracional e o rexuvenecemento do sector, para que aqueles novos emprendedores dispostos a investir no rural teñan onde e como facelo. Ademais, José González apuntou que a posta en marcha das ferramentas desta lei -tales como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as agrupacións de xestión conxunta- contarán cun orzamento de 5,3 millóns de euros no próximo ano para fomentar, precisamente, a recuperación e mobilización da terra e dar resposta á demanda de máis base territorial, tan reiterada desde o sector lácteo.

Come saudable

Este acto de entrega dos premios Exceleite centrou o programa matinal da I Mostra de Calidade Alimentaria. Pola tarde, o conselleiro e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participarán no foro Come saudable. Trátase dunha Mesa redonda sobre a filosofía slowfood na que se abordarán as vantaxes dunha materia prima sen procesar, dun produto de proximidade, da biodiversidade, da menor pegada de carbono e da conservación territorial e cultural. Ao remate deste foro haberá unha degustación de produtos alimentarios galegos de calidade con acompañamento musical.

Precisamente, neste evento confirmarase que os centros de formación da Consellería, adscritos á Axencia Galega da Calidade Alimentaria, serán certificados KM0 o vindeiro ano, como mostra da súa aposta polos produtos de proximidade. Ademais, tamén se anunciará a elaboración dun libro de receitas ordenado por temporada e destinado a comedores colectivos con produtos con calidade alimentaria.

Imaxes relacionadas