A Xunta agradece a Cofer que cos seus premios poña en valor o potencial de Ferrolterra e empresas como Gabadi

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde en Ferrol na entrega do galardón co que se homenaxeou a Avelino Llago, fundador desta firma naronesa

Reivindica a necesidade urxente de contar con carga de traballo para Navantia e toda a súa industria auxiliar e de impulsar infraestruturas vitais para a transformación do sector naval como o dique seco

Ferrol, 15 de decembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, agradeceu hoxe á Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer) que cos seus premios estea a reivindicar o potencial destas comarcas e poña en valor exemplos como o de Avelino Llago Vizoso, fundador de Gabadi, que inspiran aos emprendedores do futuro.

A compañía naronesa pertence ao sector auxiliar da industria naval, e conta con máis de 32 anos de traxectoria nos que apostou pola diversificación da actividade e a internacionalización. De feito, actualmente, o 80% da súa facturación está no mercado estranxeiro, con tres filiais en Canadá, China e Singapur. Na súa intervención, Conde sinalou que o galardón que Cofer outorga a Avelino Llago e a Gabadi corrobora que Galicia conta cun sector naval moi competitivo, reivindicando a necesidade urxente de contar con carga de traballo para Navantia e toda a súa industria auxiliar e de impulsar infraestruturas vitais para a transformación do sector como o dique seco.

O vicepresidente económico lembrou durante a entrega de premios, celebrada en Exponav, que Ferrolterra vive as consecuencias dunha transición enerxética que non está a saber xestionar o Goberno, que aínda non se sumou ao Pacto de Estado por Ferrol. Conde fixo fincapé en que o contexto de dixitalización e de transición enerxética pode ser unha oportunidade para a industria de Ferrolterra en eidos como o sector naval, a eólica mariña e as enerxías renovables, sinalando o impulso que supoñen os fondos europeos Next Generation, destacando que poden contribuír ao desenvolvemento dunha industria máis dixital e sustentable.

Imaxes relacionadas