A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou na reunión do Consello Territorial de Servizos Sociais celebrada esta mañá por videoconferencia

A Xunta traslada ao Goberno central as súas achegas sobre o novo procedemento para o recoñecemento da discapacidade

O Goberno galego teme que o novo mecanismo que se contempla cause que o sistema se sature e que os trámites que deben facer os cidadáns se ralenticen

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia participou no Consello Territorial de Servizos Sociais, celebrado esta mañá a través de videoconferencia. A conselleira de Política Social, Fabiola García, asistiu á reunión na que se debateron o proxecto do novo Real Decreto polo que se establece o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, así como a programación do Fondo Social Europeo (FSE+) en relación co obxectivo de loita contra a privación material. Durante o encontro os representantes das diferentes comunidades autónomas expuxeron as súas posturas e trasladaron as súas achegas.

O Goberno galego considera que o novo real decreto polo que se establece o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade é un paso adiante que responde a unha demanda expresada por moitas comunidades autónomas. Pero tamén entende —e así o trasladou no Consello Territorial— que o novo mecanismo que se establece pode provocar que o sistema se sature e que os trámites que deben facer os cidadáns se ralenticen. Ademais, existen certas cuestións no proxecto de real decreto que requiren dunha maior concreción para evitar desigualdades entre os diferentes territorios.

Por outra banda, a Xunta agradeceu que, a petición de Galicia e outras comunidades autónomas, o Goberno central abrise a porta á creación de “pasarelas” que faciliten que unha persoa que xa conta cunha valoración de dependencia poida acceder axilmente a unha de discapacidade. Porén, recordoulle ao Executivo nacional que aínda queda moito traballo que facer, pois o texto é moi pouco concreto neste punto e a posta en marcha destas “pasarelas” pode demorarse máis do que os cidadáns demandan.

Imaxes relacionadas