O director do instituto Galego da Vivenda e Solo compareceu esta mañá na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia

A Xunta licitará a comezos de 2022 as obras de urbanización do primeiro polígono de San Paio de Navia

Heriberto García avanza que este trámite realizarase “estean ou non aprobados os proxectos de urbanización polo Concello”, que xa demorara de forma inxustificada a aprobación do plan parcial

Adianta tamén a próxima licitación da redacción dos proxectos de construción das primeiras 80 vivendas de promoción pública

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2021

A Xunta licitará a comezos de 2022 as obras de urbanización do primeiro polígono de San Paio de Navia, en Vigo. O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, avanzou este compromiso do Goberno galego durante a súa intervención esta mañá na Comisión 2ª do Parlamento.

O director do IGVS sinalou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adopta esta decisión adiantándose a un procedemento ordinario, pois o habitual é licitar unha vez que os proxectos están aprobados pola administración local.

Nese sentido, avanzou que se procederá á licitación das obras de urbanización “estean ou non aprobados os proxectos de urbanización polo Concello de Vigo”, para poñer fin ás demoras inxustificadas que “non son unha novidade para a Xunta”, pois “xa se atrasara a aprobación do plan parcial”.

Segundo manifestou Heriberto García, desde o inicio da tramitación ata a aprobación definitiva do plan parcial pasaron catro anos e un mes e advertiu que, se a demora na tramitación municipal non se rexistrara, “hoxe as obras de urbanización da primeira fase xa estarían en execución”.

Así mesmo, adiantou que a principios do vindeiro ano tamén se licitará a redacción dos proxectos de construción de 80 vivendas de protección pública (VPP) que forman parte das 733 que conforman o primeiro polígono —que abarca unha superficie de case 100.000 m2— dos tres que conforman San Paio de Navia. Este traballo acompasarase coa convocatoria do concurso para a adquisición de parcelas no mesmo ámbito, que se destinarán preferentemente á construción de vivendas protexidas de réxime especial en alugueiro, executadas por cooperativas e promotores privados.

De feito, o director do IGVS lembrou que esas entidades poderán optar ás axudas, de ata un máximo de 50.000 euros por vivenda, que habilitará proximamente o Goberno galego, polo que “esta é unha boa oportunidade para que o Concello de Vigo se implique na construción de vivenda pública”.

Cómpre lembrar que a Xunta xa leva investidos 25 millóns de euros nos últimos catro anos no ámbito de San Paio de Navia e contempla 8 millóns máis no orzamento do vindeiro ano 2022.

Imaxes relacionadas