A Xunta incrementará nun 10,5% o financiamento dos 84 centros de información á muller de Galicia ata chegar aos case catro millóns de euros

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe en Santiago a última das xornadas do III Plan de formación do persoal dos CIM que arrancou en outubro e incluíu tres accións formativas en liña e a de hoxe presencial

Os traballadores cualificáronse para mellorar a atención a mulleres vítimas de violencia de xénero con trastornos aditivos e enfermidades mentais, coñecer o dereito de familia nos procesos de ruptura e afondar na violencia vicaria ou dixital

Na xornada celebrada hoxe presentáronse tres novidosos proxectos: Hai saída ao maltrato, do CIM Terras de Iria, Game Over, Sexismo virtual, do CIM da Mancomunidade do Salnés e o Son de mulleres, de Palas de Rei

A rede galega de CIMs dá cobertura de maneira universal e gratuíta a 191 concellos e os seus 250 profesionais atenderon desde 2011 ata o de agora máis de medio millón de consultas, a maior parte relacionadas coa atención psicolóxica (215.445)

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a Xunta incrementará en 2022 a partida destinada a financiar os 84 centros de información á muller que existen en Galicia e que dan cobertura na actualidade de maneira universal e gratuíta a 191 concellos (o 61% dos que conforman a comunidade autónoma). En concreto, investirá un 10,5% máis a este fin, ata chegar aos case catro millóns de euros, tal e como destacou na clausura do III Plan de formación do persoal dos CIM. A conselleira sinalou, ademais, que o propósito do Goberno galego segue sendo ampliar os CIM ao 100% da xeografía galega “para que ningunha muller se sinta desamparada en Galicia”. En total, desde 2009, a Xunta destinou máis de 38,3 millóns de euros no apoio ao funcionamento destes centros.
A terceira edición do plan de formación, que arrancou o pasado 18 de outubro, constou de catro xornadas formativas, tres virtuais e unha presencial, a última que se desenvolveu hoxe en Santiago de Compostela. Os traballadores e traballadoras cualificáronse para mellorar a atención a mulleres vítimas de violencia de xénero con trastornos aditivos e enfermidades mentais, afondaron no coñecemento do dereito de familia nos procesos de separación, divorcio e ruptura de parellas e nas últimas modificacións normativas da lei galega que xa recoñece como violencia de xénero a violencia vicaria ou a dixital. Nas xornadas tamén se levou a cabo unha planificación e programación das accións en materia de igualdade para o vindeiro ano.
Na xornada celebrada hoxe, ademais, presentaronse tres proxectos novidosos para loitar pola igualdade entre homes e mulleres e seguir avanzando no camiño para erradicar a violencia de xénero: Hai saída ao maltrato do CIM Terras de Iria; Game Over, Sexismo Virtual, do CIM da Mancomunidade do Salnés; e Son de mulleres, do CIM de Palas de Rei.
“A formación en violencia de xénero é clave e un dos mellores instrumentos para axudar ás mulleres a ser libres e donas de si mesmas, mostrándolles que teñen unha vida por diante acompañadas de persoas que as valoran como se merecen”, apuntou Lorenzana.
Para rematar, puxo en valor o labor diario dos 250 profesionais que traballan nos CIM galegos destacando que desde xaneiro de 2011 ata o de agora atenderon máis de medio millón de consultas (576.544), a maior parte destas relacionadas coa atención psicolóxica (215.445). Tamén leváronse a cabo 165.371 consultas sobre asesoramento xurídico e 87.356 sobre atención a vítimas de violencia de xénero. Nos Centros de Información á Muller tamén se ofrece información de recursos, orientación ao emprego ou información de cursos, xornadas e actividades, entre outros. “A Xunta de Galicia seguirá garantindo e promovendo instrumentos necesarios e a formación en igualdade dos profesionais que traballan en ámbitos relacionados directa ou indirectamente coa violencia de xénero para loitar contra esta lacra social”, rematou.

Imaxes relacionadas