O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, interveu esta mañá na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde explicou que esta proposta deberá ser referendada agora polo Consello e o Parlamento europeos

A Xunta avanza a proposta da Comisión Europea de incluír a conexión ferroviaria Vigo-Porto no corredor atlántico como rede central ampliada

O director xeral subliña o respaldo que isto supón ás iniciativas promovidas polo Goberno galego para a mellora das infraestruturas ferroviarias de Galicia e para o impulso dun transporte de mercadorías multimodal, equilibrado e competitivo

Lembra a demanda da Xunta para que na próxima modificación do regulamento se incorporen á rede básica as liñas A Coruña-Ferrol, Lugo-A Coruña e esta de Vigo-Porto
 

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2021

A Xunta avanzou hoxe a proposta da Comisión Europea para incluír a liña ferroviaria Vigo-Porto como rede central ampliada do Corredor Atlántico do noroeste. Así o trasladou hoxe o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, na Comisión 2ª no Parlamento de Galicia.

Na súa intervención, o director xeral de Mobilidade deu conta que onte mesmo se presentou esta proposta de novo regulamento para a rede transeuropea de transportes, que deberá ser agora referendada polo Consello e o Parlamento europeos.

Ignacio Maestro cualificou así esta proposta como unha moi boa noticia para Galicia e un respaldo moi importante ás iniciativas promovidas polo Goberno Galego en prol da mellora real das infraestruturas ferroviarias da Comunidade e para impulsar un transporte de mercadorías multimodal, equilibrado e competitivo.

Lembrou, neste sentido, a demanda da Xunta para que na próxima modificación do regulamento se incorporen á rede básica europea as liñas ferroviarias A Coruña-Ferrol e Lugo-A Coruña, ademais desta de Vigo-Porto.
Incidiu en que Galicia, en alianza con Castela e León e Asturias, conseguiu a incorporación da súa rede ferroviaria ao trazado do Corredor Atlántico de mercadorías do noroeste e en que cómpre agora aproveitar as oportunidades de financiamento específico e dos Next Generation, fundamentais para modernizar a rede de infraestruturas ferroviarias e reforzar as capacidades loxísticas dos portos.

O director xeral de Mobilidade explicou que a Xunta, coa vista posta en acadar as condicións necesarias para que Galicia conte cun transporte de mercadorías multimodal, equilibrado e competitivo, está a impulsar o proxecto da Estratexia Loxística das Infraestruturas de Galicia 2020-2028, cuxas conclusión foron presentadas onte mesmo ás entidades relacionadas coa loxística e o transporte ferroviario de mercadorías, como xa se fixo anteriormente coas Autoridades Portuarias e coas asociacións empresariais.

Explicou que, para acadar o obxectivo de situar Galicia como porto da fachada atlántica e impulsar o transporte de mercadorías por ferrocarril, a estratexia da Xunta aposta por actuar en varias frontes.

Destacou a aposta pola implantación dos estándares ferroviarios da rede transeuropea de transporte en todos os trazados galegos do Corredor Atlántico e por completar as infraestruturas esenciais para o transporte de mercadorías en Galicia, como son a conexión ferroviaria de Punta Langosteira, na Coruña, e da terminal de Bouzas e a Saída sur de Vigo.

Tamén subliñou o fomento da colaboración entre operadores, a aposta por potenciar a colaboración interrexional, especialmente no marco da macrorrexión RESOE de España e Portugal, ou a promoción de incentivos que impulsen o transporte intermodal.

O director xeral de mobilidade adiantou que Galicia disporá en xaneiro do plan de acción coa estratexia loxística das infraestruturas no Corredor Atlántico para trasladar ao Goberno de España, esperando contar co seu compromiso para o seu desenvolvemento pleno. Lembrou, a este respecto, que lle corresponde ao Goberno de España planificar, deseñar e presentar ante as diferentes convocatorias de fondos europeos as actuacións necesarias para a modernización da rede, defendendo o Corredor Atlántico coa mesma intensidade que o Mediterráneo.

Ignacio Maestro citou as principais cifras das actuacións propostas na estratexia da Xunta, que marca o obxectivo de duplicar o transporte de mercadorías por ferrocarril no horizonte do ano 2030, grazas ao aproveitamento da incorporación de Galicia ao Corredor Atlántico europeo.

Sinalou como meta deste proxecto impulsar o transporte de mercadorías entre Galicia e o resto de España, Portugal e o conxunto da UE, para conseguir transportar 3 millóns de toneladas máis cada ano por ferrocarril, sendo así máis competitivos e evitando, dese xeito, a emisión de 150.000 toneladas de CO2 cada ano.