A Xunta rehabilita unha ducia de vivendas en Ferrol e Viveiro para promover a integración de familias desfavorecidas

O convenio asinado entre ambos departamentos do Goberno galego facilitará o acceso a un fogar a persoas en situación de vulnerabilidade

O proxecto busca habilitar un cento de vivendas nos vindeiros tres anos, que serán xestionadas por entidades sociais

 

Ferrol, 15 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia está a rehabilitar unha ducia de vivendas en Ferrol e Viveiro para promover a integración de familias desfavorecidas. A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaron esta mañá un convenio que facilitará o acceso a un fogar a persoas en risco de exclusión social.

Os inmobles, cedidos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, están a ser reformados pola de Política Social a través dun investimento de preto dun millón de euros para este exercicio. O obxectivo, non obstante, é incrementar esta oferta ata as cen vivendas nos vindeiros tres anos. Así figura no proxecto presentado ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que se financiará con fondos da Unión Europea.

Fabiola García sinalou que a Xunta de Galicia está a traballar para facer de Galicia un lugar solidario no que todos os galegos teñan as mesmas oportunidades. Con este obxectivo está aplicar o enfoque denominado housing first, que busca ofertar o antes posible unha vivenda para as persoas sen fogar, pero ofrecendo, ao mesmo tempo, un apoio complementario, principalmente en materia de saúde e servizos sociais, de xeito que a vivenda se converta no punto de partida, e non en liña de meta, da carreira da inclusión. “Non podemos esixir a alguén que se atopa vivindo na rúa ou nunha situación de emerxencia que refaga a súa vida sen darlle a posibilidade de contar cunha vivenda que reúna condicións de dignidade”, asegurou.

Medidas pioneiras

Para lograr este reto, a Consellería de Política Social manterá un orzamento para 2022 de 118,6 millóns de euros no eido da inclusión social. Este investimento permitirá dar continuidade a un traballo que ten dado froitos importantes, como a creación da Tarxeta Básica, das que xa se teñen repartido preto de 51.000 e que é unha medida de referencia e un exemplo a seguir en toda España; a posta en marcha dun Plan de atención ás persoas sen fogar, no que se encadra a cesión destas doce vivendas; a blindaxe do orzamento destinado á Risga, que ascende a 44 millón de euros; ou a reforma da Lei de inclusión social, para adaptar o noso mapa de prestacións ao novo escenario que xerou a entrada en vigor do Ingreso Mínimo Vital (IMV), na que xa está a traballar.

Solucións habitacionais

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que a Xunta conta cunha batería de medidas para garantir unha solución habitacional a todas aquelas persoas que trasladan a súa demanda, no marco do Pacto social pola vivenda 2021-2024.

Vázquez Mejuto explicou que ao Goberno galego concede axudas como as do Bono de alugueiro social, así como do específico para as vítimas da violencia de xénero, e subliñou que por terceiro ano consecutivo, en 2022, asumirá o 100% do custo da renda dos beneficiarios. Unha iniciativa para a que a Consellería reservou o vindeiro ano unha partida de 3,2 millóns de euros, un 15% máis que o ano anterior.

Así mesmo, avanzou que o seu departamento está a artellar, xunto coa Consellería de Política Social, unha nova medida para asumir os gastos do alugueiro daquelas persoas en situación de exclusión e que na actualidade reciben atención de entidades de servizos social, cunha dotación inicial prevista de medio millón de euros.

Rexurbe de Ferrol

Por último, Ángeles Vázquez defendeu que o Goberno galego entendeu que a rehabilitación de inmobles é un mecanismo válido para garantir un fogar aos galegos. Nese sentido, un dos programas referentes é o Rexurbe, co que o IGVS adquire edificios para —tras a súa recuperación— ofrecer vivenda en alugueiro.

A modo de exemplo, citou o traballo realizado en Ferrol, cidade na que se adquiriron 19 inmobles para habilitar 38 vivendas e varios locais comerciais, un traballo que implicou a mobilización de máis de 10 millóns de euros e para o que están reservados 2,5 en 2022. Por isto, para conseguir que este esforzo se materialice coa entrega das vivendas rehabilitadas, solicitou axilidade ao Concello de Ferrol na concesión das licencias municipais solicitadas e facilitar así un fogar ás persoas da cidade que o demandan.
 

Imaxes relacionadas