A obra "Acordo xusto" de Ramón Conde instalada na praza pública da Cidade da Xustiza de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o escultor vigués supervisan a instalación do tótem, que representa dúas mans entrelazadas

Tras un investimento de máis de 42 millóns de euros, a Xunta está a piques de rematar a que é a infraestrutura xudicial máis importante de Galicia

Vigo, 14 de decembro de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o artista galego Ramón Conde, supervisaron a instalación de “Acordo Xusto” a obra do escultor instalada na praza pública da nova infraestrutura xudicial na cidade.
A escultura representa dúas mans entrelazas que veñen a reflectir a idea da xustiza universal e igualitaria. Fernández-Tapias sinalou que o autor xoga coa idea do que é o dereito, “do que entendemos cando algo é xusto e satisfai a ambas partes en conflito”. “Dous individuos distintos pero vistos iguais dende o punto de vista da xustiza”, indicou respecto a súa verticalidade. Elaborada en bronce, ocupa unha altura de aproximadamente 5 metros.
Por outra banda, a representante autonómica recordou que a Xunta iniciou xa as reunións periódicas sobre a planificación do traslado dos órganos xudiciais a Cidade Xustiza de Vigo, cunha primeira toma de contacto a pasada semana para abordar os diferentes aspectos que implica o traslado do mobiliario e arquivos das sedes actuais da rúa Lalín e La Gota de Leche á nova sede xudicial. Está previsto reunirse tamén cos sindicatos.
Cando rematen as obras, a Xunta solicitará, previsiblemente a finais de xaneiro, a licenza de primeira ocupación polo que nuns meses dará comezo o traslado dos xulgados segundo a programación que se acorde cos sectores implicados
Na nova sede xudicial serán reubicados máis de 500 traballadores xudiciais dos 38 órganos, que terán a súa disposición unha escola infantil de 41 prazas para facilitar a súa conciliación laboral e familiar. Nos seus 44.000 metros cadrados acollerá estas 38 unidades xudiciais, xunto coa Fiscalía de Área, as 2 seccións da Audiencia Provincial e a subdirección do Instituto de Medicina Legal (Imelga).
Trátase da infraestrutura xudicial máis importante de Galicia na que a Xunta investiu máis de 42 millóns de euros. Con esta obra, seguese avanzando no Plan de Infraestruturas xudiciais posto en marcha no 2009 cun investimento de máis de 118 millóns de euros.

Imaxes relacionadas