Francisco Menéndez destaca que a Xunta é a administración que máis inviste en seguridade viaria no concello de Pontevedra, mobilizando máis de 6 M€ na execución de sendas peonís

O director salienta a senda executada en Alba, cun investimento de 700.000€, que favorece desprazamentos seguros para os veciños e peregrinos neste treito coincidente co Camiño Portugués

Sinala que tamén se acondicionou a praza ao carón da capela de San Caetano e se dispuxo unha pasarela peonil na zona do río

Detalla que a Xunta continúa coa remodelación da estrada PO-531, con actuacións coma a da glorieta de acceso ao polígono de Sequeiros ou a senda e a rotonda da Devesa, ademais do proxecto en redacción para a zona de Campañó

Lembra que a estrada N-550 é estatal, polo que a solicitude dunha glorieta debe trasladarse ao Ministerio de Transportes, xa que é o responsable da súa execución
 

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2021

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, salientou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento que a Xunta é a administración que máis inviste en seguridade viaria no concello de Pontevedra, mobilizando máis de 6 millóns de euros na execución de sendas peonís.

Francisco Menéndez referiuse á senda executada en Alba, na estrada PO-225, cun investimento autonómico de 700.000 euros.

Detallou que o itinerario permitiu gañar espazo para as persoas, favorecendo a mobilidade dos condutores que van cara ás naves industriais da zona e os desprazamentos máis seguros para os veciños e peregrinos que transitan por este treito coincidente co Camiño Portugués. Trátase dunha nova senda peonil de algo máis de 700 metros de lonxitude, preto de 600 metros continuos pola marxe esquerda e o resto, pola marxe dereita, en 2 treitos.

Lembrou que tamén se acondicionou a praza ao carón da capela de San Caetano e se dispuxo unha franxa axardinada que, ademais de mellorar a estética e a integración na paisaxe do itinerario, cumpre a función de reforzo da seguridade de peóns e peregrinos.

Sinalou que o proxecto incluíu unha pasarela peonil na zona do río, de algo máis de 13 metros, que contribúe á estética da contorna.

Rectificouse tamén unha curva e reordenouse a intersección existente neste treito, ademais da drenaxe de augas pluviais e novas redes de servizos, para electricidade e telecomunicacións.

O director recordou que a Xunta tamén continúa coa remodelación da estrada PO-531 na área de Pontevedra, con actuacións coma a da glorieta de acceso ao polígono de Sequeiros, a senda e a rotonda da Devesa e o proxecto en redacción para a zona de Campañó.

Estrada N-550

Por outra parte, lembrou que a estrada N-550 é de titularidade estatal, polo que a solicitude da execución dunha glorieta debe ser trasladada ao Ministerio de Transportes, xa que é este o responsable da súa execución.

Concretou que no proceso de avaliación de alternativas para a Variante de Alba, a Xunta xa propuxera unha glorieta nas proximidades deste punto, pero o Ministerio rexeitouna ao sinalar que a intensidade de tráfico esixiría un enlace a distinto nivel, que implicaría afeccións inasumibles para os veciños para a súa implantación.
 

Imaxes relacionadas