A Xunta remata a construción dunha senda peonil e ciclista de case dous quilómetros no treito Trasouto-Alto da Portela da PO-551 en Bueu

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, Félix Juncal, supervisou esta actuación para o fomento da mobilidade sostible e da seguridade viaria, que contou cun investimento autonómico de 645.000€

Esta mellora, enmarcada no Plan de Sendas da Comarca do Morrazo, dotou ao vial dun paseo seguro de ata 2,50 metros de anchura cun bordo de formigón elevado para separalo da calzada

“Estamos a desenvolver un ambicioso programa de sendas na contorna de Pontevedra, que beneficia principalmente á capital e aos concellos de Poio, Marín e Bueu para favorecer a seguridade viaria dos seus case 140.000 habitantes”, detallou o representante autonómico
 

Bueu, 15 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de rematar a construción dunha senda peonil e ciclista de case dous quilómetros de lonxitude no treito Trasouto-Alto da Portela da estrada autonómica PO-551 ao seu paso polo Concello de Bueu.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, e polo xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, achegouse ata a zona para supervisar esta actuación para o fomento da mobilidade sostible e da seguridade viaria, que contou cun investimento autonómico de 645.000 euros.

“Dende a Xunta estamos a desenvolver un ambicioso programa de sendas en toda a comunidade para facer máis confortables e seguras as nosas estradas e dita estratexia está a ter unha especial incidencia, con numerosas actuacións, na contorna de Pontevedra que beneficia principalmente á capital e aos concellos de Poio, Marín e Bueu para favorecer a seguridade viaria dos seus case 140.000 habitantes”, detallou o representante autonómico.

A nova senda da PO-551, que é de uso compartido para ciclistas e peóns e se enmarca no Plan de Sendas da Comarca do Morrazo, ten unha lonxitude de 1.835 metros e discorre entre os puntos quilométricos 12+605 e 14+400.

As solucións adoptadas varían segundo as características do terreo nas distintas partes do treito e centráronse na creación dunha senda de entre 1,80 e 2,50 metros de anchura nas zonas de maior amplitude ou a conformación dun paseo seguro cun mínimo de 1,50 metros naqueles lugares cunha beiravía preexistente. En todo caso, e para dotar á infraestrutura de maior seguridade, procedeuse á construción dun bordo de formigón elevado para separar a senda da calzada.

Así mesmo, a actuación complementouse coa ampliación do firme en determinados puntos, a conformación de sistemas de drenaxe e reposición de servizos, o desprazamento da sinalización vertical e a reposición da horizontal e o acondicionamento das zonas de aparcadoiro e paradas de autobús.

Esta actuación enmárcase no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, que prevé a execución de itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe cun investimento de case 5 M€, cofinanciados con fondos FEDER 2014-2020 para o fomento da mobilidade sustentable.
 

Imaxes relacionadas