O presidente da Xunta participou na presentación da campaña Galicia etiqueta Calidade no marco da I Mostra de Calidade Alimentaria

Feijóo anuncia a creación do selo Galicia Calidade Alimentaria, que englobará os produtos agroalimentarios con excelencia recoñecida e afondará na súa promoción

Explica que este novo distintivo agrupará os produtos con denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, marcas de garantía como Galega 100%, as razas autóctonas e o selo PescadeRías

Avanza que no Consello da vindeira semana se avaliarán os 37,5 M€ que a Xunta vai destinar á incorporación de mozos ao agro, aos plans de mellora e ao desenvolvemento de pequenas explotacións

Boqueixón (A Coruña), 15 de decembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta mañá a creación do selo Galicia Calidade Alimentaria que englobará produtos agroalimentarios con excelencia recoñecida e afondará na súa promoción.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que este novo distintivo agrupará “o mellor que dá o país, da man dos produtores”: os produtos con denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, marcas de garantía como Galega 100%, as razas autóctonas e o selo PescadeRías.

Fíxoo durante a presentación da campaña Galicia etiqueta Calidade na que a Xunta investirá 700.000 € para divulgar o bo facer da xente do mar e do agro, e que se deu a coñecer no marco da I Mostra de Calidade Alimentaria.

Nese sentido, aproveitou a súa intervención para poñer de releve o potencial do rural galego, que produce o 40% do leite de España, realiza o 50% das cortas de madeira nacionais, conta co 19% do gando bovino e é referente en Europa en pesca fresca. Así como o seu compromiso coa excelencia que se recoñece con premios como Exceleite, as Catas dos queixos e meles ou no mercado dixital oficial no que os produtores poderán vender estas producións, establecendo contacto eles mesmos co consumidor.

Ao fío disto, Feijóo recordou que para garantir o futuro dos produtores a Xunta está a impulsar medidas como a Estratexia do lácteo e do viño xa en marcha e a da carne na que se está a traballar; unha Lei de recuperación da terra agraria con figuras como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta; ou un Plan forestal de Galicia ata 2040, que aspira a mobilizar 4.900 M€ entre fondos públicos e privados.

Ademais, avanzou que no Consello da vindeira semana se avaliarán os 37,5 M€ que a Xunta vai destinar á incorporación de mozos ao agro, aos plans de mellora e ao desenvolvemento de pequenas explotacións.

“A mensaxe que lles estamos a transmitir é que existe un rural vivo” dixo, aludindo tamén a 3 grandes iniciativas do eido rural que aspiran a financiarse con Fondos Next Generation: a biofábrica de fibras téxtiles para pechar o ciclo da madeira, a mobilización de 18.000 hectáreas de terra a partir dos instrumentos da Lei de recuperación e a planificación por 570 M€ dun centro para o impulso da economía circular enfocado á xestión de residuos agrarios e excedentes de puríns, urbanos e outros.

Por último, o presidente da Xunta puxo como exemplo do enorme potencial co que conta o rural galego ao complexo de 100 ha do Pazo de Quián é, dixo, un espello dun territorio ordenado, dun rural no que convive a tradición e a innovación e que aposta pola formación.

Come galego

No marco da Mostra, cómpre resaltar que ás 16,30 h. desta tarde dará comezo o espazo Come galego e terá lugar unha conferencia e showcooking sobre Ecociña -unha perspectiva turística dos produtos de proximidade e de calidade alimentaria galega- impartida pola directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia, Marta Fernández.

O evento, que contará coa presenza do conselleiro do Medio Rural, José González, e do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, pecharase cunha degustación de produtos con acompañamento musical ás 17,30 horas.

Imaxes relacionadas